" />

O menciñeiro á forza

Foi en 1969, hai 47 anos, cando Xosé Manuel Carballo Ferreiro, crego e escritor, daquela formador do Seminario de Mondoñedo, verqueu ao galego a obra “Le medecín malgre lui”, de Moliere, que en castelán é El médico a palos”, e el bautizou como “O menciñeiro a xasteirazos” e logo “O menciñeiro á forza”.

A obra presentouse aquel 1969, polo Nadal, en Goberno de Castro de Rei, e desde entón –urbi et orbe- nos máis diversos lugares. Primeiro, por un grupo de mozos e mozas de Castro de Rei, e logo –xa constituídos en grupo teatral- por Os Valuros.

O nome era verdadeiramente simbólico xa que se rescataba unha multisecular tradición de xentes que vivían nas terras de Castro de Rei, con especiais artes para convencer e encandilar, que eran medio meigos e medio moinantes, que non lles caían nada ben á Igrexa, e que pasaron á historia cunha lenda negra que os condenaba como xente ruín.

Os novos Valuros levaron o teatro galego de Xosé Manuel Carballo, esta e outras obras, por toda a xeografía galega, por diversas cidades españolas, ata o Centro Galego de Barcelona, sendo a máis representada na Galicia da emigración… E gozaron como unha auténtica vitoria que un grupo de rapaces do rural de Castro de Rei viñese en 1980 ao salón Rexio do Círculo das Artes representar “Vaise pechar unha casa máis” de Xulio Pita e Xosé Manuel Carballo.

36 anos despois, os Valuros volven a Lugo, precisamente ao Círculo das Artes, a representar –agora, si- “O menciñeiro á forza”. Será hoxe, venres, ás oito da tarde, a beneficio da Asociación provincial contra o Cancro, e algúns dos actores son os mesmos que naquela ocasión histórica triunfaron diante do público lucense,

Poucas veces se dan circunstancias coma esta de que un grupo teatral afeccionado teña tan longa vida, volva actuar no mesmo lugar senlleiro, cunha obra que xa é historia teatral e social, con igual ilusión, coas mesmas ganas de volver conquistar a afección teatral lucense. É un feito histórico, e por iso os que amamos o teatro, coñecemos as realidades do rural, e sabemos das dificultades de manter anos e anos unha iniciativa cultural, temos que estar alí para animar aos actuantes e para ser testemuña dun feito histórico.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo