O pleno rexeita a proposta do goberno local de eliminar a limitación de horas extras

Último xoves de mes e, como é habitual, celebración de pleno no Concello de Lugo. Unha sesión á que se volvían a levar temas importantes como as facturas con reparos de legalidade, a defensa dos medios de comunicación públicos de Galicia ou a seguridade viaria no Concello. Pero a proposta que traía máis cola hoxe, era a relativa á modificación do regulamento interno de persoal.

16 votos en contra fronte aos 8 a favor dos socialistas, tumbaron a proposta do goberno que permitiría aos funcionarios municipais facer horas extra remuneradas de forma ilimitada. Unha proposta que o goberno local presenta co “ánimo de reforzar os servizos” e solucionar unha gran problemática.

Neste senso, a oposición negouse a apoiar esta proposta do goberno local, entre outras cousas porque “aínda non puido pagar as horas extras feitas pola policía local no pasado ano”. Algúns grupos, como Cidadáns, resaltaron ademáis a incapacidade de xestión do Goberno local. Olga Louzao cuestionábase a planificación do concello, preguntando “por que hai que pagar horas extras”. “Pretenden que o resto de grupos apoiemos a súa falta de xestión, o primeiro que teñen que facer é cumprir as súas obrigas”, lembrou a voceira de Cidadáns.

Pola súa banda, para o BNG de Rubén Arroxo, o que non acabou de convencer foron os “argumentos” que, serían “válidos”, dixo o voceiro nacionalista “hai tres anos”. Arroxo tildou de “incoherente” facer “barra libre de horas extra”, sendo un goberno de esquerdas.

Os populares, falaron de “soberbia” e acusaron ao executivo de “querer tapar o desmantelamento que están a levar a cabo na xestión” do Concello de Lugo. Antonio Ameijide aproveitou a ocasión para anunciar unha moción para o pleno de outubro na que instarán ao goberno a pagar as horas extras que debe ao persoal funcionario.

Tras este rexeitamento, do que foron testemuñas algúns dos membros do parque de Bombeiros de Lugo, os funcionarios marcharon do Salón de plenos decepcionados coa decisión da oposición. Para os bombeiros, o rexeitamento da oposición é unha “mala forma de facer política de cara ás eleccións”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo