José Antonio García

O PP acusa á Deputación de “reducir ao mínimo” a transparencia no proceso de Suplusa

O Patido Popular na provincia de Lugo acusa ao Goberno da Deputación de “reducir ao mínimo” a transparencia e participación logo que de, na última sesión plenaria da institución provincial, celebrada o pasado martes, o grupo popular preguntara por dúas cuestións relacionadas coa extinción de suplusa e recibiran, por explicacións do Goberno “non respostas”.

“Ao goberno provincial, igual que ocorre noutras instancias institucionais pilotadas polos socialistas e os seus socios habituais, éncheselle a boca falando de transparencia e participación. Pero, á hora da verdade, o da transparencia e a participación queda reducido ao mínimo”, denuncia o deputado provincial, José Antonio García que explicou o contido das dúas preguntas feitas polo seu grupo ao equipo de José Tomé: por un lado, querían saber se o Goberno ten planes para que os ex traballadores de Suplusa dedicados ás zonas verdes, agora subrogados en Tragsa, sexan subrogados na Deputación, é dicir, entren a formar parte do cadro de persoal laboral desta institución. A outra pregunta era para coñecer se o goberno provincial ten tomada a decisión de anular os convenios establecidos no seu día por Suplusa con concellos lucenses para crear solo industrial.

O viceportavoz popular di que as explicacións do goberno, por boca de Pilar García Porto, foron “non respostas”, pero, iso si, “confirmaron os temores do PP e demostraron que a liña seguida por este partido en todo o relacionado coa extinción de Suplusa foi a correcta”.

En relación coa situación dos ex traballadores de Suplusa, hoxe en Tragsa, José Antonio García sinala: “Gustaríanos pensar que hai posibilidades de que, finalmente, sexan subrogados na Deputación e que entren no seu cadro de persoal laboral, como pedimos reiteradamente. Porque é de xustiza que sexa así, e que non se vexan discriminados con respecto a outros traballadores que estaban en situacións similares. P ero a resposta, que foi unha non resposta, porque non aclarou nada, deixounos moi preocupados”.

García di que “a total falta de concreción na resposta da señora García Porto constitúe, todo hai que dicilo, unha verdadeira falta de respecto aos traballadores, aos membros do grupo provincial do PP e aos cidadáns en xeral”. Engadiu: “Non sei se foi debido a indicacións do presidente ou foi por iniciativa propia, pero a súa resposta non é digna dun representante público nun país democraticamente maduro”.

En canto á resposta dada á pregunta sobre os convenios establecidos no seu día por Suplusa cos concellos para a creación de solo industrial, José Antonio García, di que se cumpren os peores temores do PP e que o goberno provincial os dá por caducados. “Cumpriuse o que nós viñemos avisando e por iso dixemos unha e outra vez que Suplusa non debía extinguirse ata que os convenios foran renovados coa Deputación”.

O mesmo viceportavoz popular sinala: “O presidente estivo caladiño, sen dicir nin si nin non, dando unha de cal e outra de area ata que agora confirman que os convenios de Suplusa cos concellos quedan anulados. É un comportamento pouco exemplar e unha decisión lamentable; é unha resolución que chega cando máis necesario é que os concellos poidan poñer solo industrial a disposición de empresas, autónomos e emprendedores”. García considera que, desta maneira, “estrangúlase unha política provincial de creación de solo industrial que foi bandeira da sociedade Suplusa durante vinte anos”. García está convencido de que, como xa dixeron os populares máis veces no actual mandato, “a Deputación de Lugo cada día é máis cara e presta menos servizos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com