" />

O PP afea ao Goberno local o seu compromiso “selectivo” co medio ambiente

A edil do Partido Popular no Concello de Lugo, Sagrario Sánchez, critica o “compromiso selectivo” do Goberno local co medio ambiente, xa que “brillan pola súa ausencia as campañas para fomentar e mellorar a recollida selectiva na cidade”.

Sagrario Sánchez sinala que “ademais de vender” a creación dun edificio ecolóxico e sostible, ao que ningunha empresa se presentou para acometer a súa construción, deberían de pensar en accións máis cotiás e coas que se puidera implicar toda a cidadanía. Neste senso, a concelleira popular recrimina ao Goberno a ausencia de colectores destinados á recollida selectiva (orgánico, envases, papel e vidro) en toda a cidade, ademais doutros máis específicos “e necesarios” para os lucenses, como poden ser colectores para a recollida de aceites domésticos ou pilas, algo que si sucede en concellos da provincia, como pode ser en Vilalba ou Outeiro de Rei, onde si que teñen contedores específicos para a recollida de aceites.

A popular explica que moitos lucenses nos atopamos con dificultades á hora de reciclar o aceite doméstico. Neste senso, despois de realizar un chequeo da cidade, comprobamos como Lugo non conta na vía pública con colectores para este fin, xa que “o único que se fixo dende o concello foi asinar convenios con entidades privadas, colaboracións ás que non lles deron publicidade para facilitar aos lucenses a reciclaxe do aceite doméstico”.

“Ante esta situación, e a imposibilidade de que moitos lucenses poidan achegarse ata o punto limpo, consideramos necesario que se instalen colectores para depositar aceites domésticos en Lugo”, afirmou.

Dende o Grupo Municipal Popular se realiza esta petición xa que un dos primeiros consellos que se dan para o coidado do medio ambiente é unha correcta separación dos desperdicios que se xeran en cada vivenda, un eido fundamental xa que os aceites domésticos son un dos axentes máis contaminantes que xeramos os cidadáns.

Os aceites domésticos teñen diversos impactos negativos no medio ambiente, como a obstrución dos canos domésticos; avarías nas depuradoras, encarecendo deste xeito o custo público do tratamento de augas residuais e, o impacto máis daniño, que un litro de aceite é capaz de contaminar mil litros de auga.

Ante esta situación, “é imprescindible tomar medidas” dende o Concello de Lugo para facilitar a recollida de aceites domésticos, algo para o que hai multitude de exemplos, xa que practicamente todas as cidades ofrecen facilidades para esta recollida, malia que a mellor vía sería a instalación de colectores específicos na vía pública.

Sagrario Sánchez explica que a reciclaxe dos aceites domésticos ofrece diferentes posibilidades. Por exemplo hai concellos que decidiron empregar os aceites domésticos recollidos para fomentar a participación de persoas en risco de exclusión social, xa que os aceites domésticos teñen como posible novo usos a elaboración de xabón. Nestes proceso de recuperación participan persoas en risco de exclusión social e os ingresos obtidos contribúen ao mantemento das actividades desenvolvidas dende asociacións e ONGs para axudar ás persoas en risco de exclusión social.

A concelleira popular finaliza a súa intervención explicando que se trata de xerar “pequenas sinerxias” que impliquen a toda a cidadanía no coidado do medio ambiente. “Se conseguimos que cada cidadán aporte o seu gran de area estaremos a axudar dun xeito inmenso ao medio ambiente e ademais estaremos a crear un sentimento de coidado do entorno que nos rodea, xa que so temos un planeta”, indicou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo