" />

O PP afirma que as obras de Fontiñas están fóra de prazo

O Grupo Municipal do Partido Popular afirmou esta mañá en rolda de prensa que as obras da Ronda das Fontiñas “non estean nin á metade” cando está a piques de rematar a prórroga para executalas”.

Tal como sinalou o voceiro popular Jaime Castiñeira, a empresa adxudicataria dispoñía de seis meses para concluír a intervención, a contar dende o inicio da actuación en outubro. “Rematou o prazo de execución e está a piques de rematar a prórroga e as obras, segundo os técnicos, practicamente están á metade”, explicou o popular.

Jaime Castiñeira detallou que “existe un profundo malestar entre os comerciantes da zona polo gran impacto negativo que o corte de tráfico realizado hai máis de catro semanas neste treito está a supoñer”, xa que, segundo estimacións dalgún empresario, o seu ritmo de ventas ao público caeu nun 80%.

“Pasaron de ter 200 clientes cada día a soamente 30 ou 40”, aseverou o popular, ao tempo que criticou “a falta de preocupación e de interese do goberno municipal” por facilitar unha alternativa de aparcamento que “minimizase as consecuencias lóxicas e admisibles que sempre supoñen obras deste tipo”.

Nesa liña, afirmou que “aínda que o propio alcalde presumiu de ter unha superficie pública nas inmediacións de Catasol que tiña previsto habilitar como solución provisional, en realidade nada fixo”, o que contrapuxo coa decisión de “acondicionar unha parcela dun promotor privado para dar unha resposta temporal ao comezo da avenida”, en referencia ao corte de tráfico realizado no primeiro treito, “de 300 metros fronte ao de practicamente 700 metros no que se está a actuar agora”.

Asemade, sinalou que non se ofrecesen solucións para poder realizar cambios de sentido, “xa que se está obrigando a longos desprazamentos para algo tan sinxelo como para realizar unha modificación no sentido de circulación”, o que afecta tamén a particulares que desexan acceder aos seus garaxes.

Jaime Castiñeira explicou que “o ritmo de traballo é totalmente inaceptable, xa que non se notan avances debido á falta de operarios na zona, posto que apenas hai dous ou tres traballadores nesta intervención”, polo que culpou ao goberno municipal de “non exercer un control mínimo e un seguemento á planificación establecida”. “Xa non é só que non se teña amosado o rigor suficiente, senón que agora que queda moito por facer a situación parece que non vai mellorar senón todo o contrario”, resumiu o voceiro popular.

Durante a súa comparecencia, tamén afirmou que “o malestar dos comerciantes e veciños é tal que incluso estiveron recollendo sinaturas, ata un total de 600, que entregaron esta mañá no rexistro do Concello”, de xeito que “o goberno municipal non poderá alegar descoñecemento sobre a situación desta rúa e as molestias que está ocasionando, que van máis alá das lóxicas de calquera intervención”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo