" />

O PP agradece o interese e o apoio de Rueda para mellorar a seguridade viaria do Camiño Primitivo

Os concelleiros do Grupo Popular, acompañados polo Presidente Provincial do PP de Pontevedra e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e outros cargos orgánicos do Partido percorreron esta mañá un tramo do Camiño Primitivo ao seu paso polas parroquias de Bascuas, Carballido e Fazai. Os participantes nesta camiñata realizaron o traxecto con membros da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago e comprobaron in situ a necesidade de mellorar a súa seguridade viaria xa que “os peregrinos vense obrigados a circular, ao longo de 1.300 metros pola beiravía da estrada que comunica Lugo coa Fonsagrada”.

Trala andaina, o voceiro popular Ramón Carballo agradeceu “o interese e a sensibilidade da Xunta para conservar e promocionar esta ruta” e tamén eloxiou “o compromiso de Alfonso Rueda para estudar as solucións máis convintes que garantan o paso seguro por este traxecto aos peregrinos”.

Pola súa banda o voceiro popular explicou como a Asociación de Amigos do Camiño “fíxonos chegar esta petición para mellorar a protección dos camiñantes que fan esta ruta e que coincide, neste tramo, cunha estrada por onde circulan habitualmente camións e vehículos de grandes
dimensións”. Trala camiñata, entre as propostas que quedaron sobre a mesa está a de habilitar unha alternativa do Camiño Primitivo ao pé da estrada actual con colocación de elementos separadores do tráfico rodado.

O presidente de Amigos do Camiño, Ángel Trabada, manifestou que “somos conscientes da sensibilidade que sempre amosou a Xunta de Galicia ás demandas do noso colectivo para a mellora da seguridade, polo que estamos convencidos de que novamente poderemos contar co respaldo desta administración para unha intervención que, ademais, reforzaría dun xeito moi claro ese discurso do Camiño como proposta segura na que se está a incidir de cara a este Xacobeo 2021-2022.

Por último, Carballo explicou que “o Camiño Primitivo ao seu paso polo municipio de Lugo ofrece valores moi demandados na actualidade polos visitantes como son os espazos pouco masificados” e amosou o seu convencemento de que o Camiño Primitivo vai ser un dos máis atractivos neste tempo post covid para os peregrinos. Antes da pandemia 15.000 persoas o elixiron como ruta para chegar a Santiago.


Imaxe de arquivo

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo