" />

O PP confirma na mesa local de comercio as “mentiras” do goberno local sobre a Tinería

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, afirmou que na mesa local de comercio celebrada esta mañá no Concello de Lugo se confirmou a información facilitada onte polo Grupo Popular, na que se aseguraba que “os socialistas mentían en todo o relacionado co aluguer dos locais da Tinería”.

Antonio Ameijide afirmou que os técnicos municipais confirmaron que a cesión dos locais é por “un prazo máximo de catro anos” e que “non existe posibilidade de prórroga”. O voceiro popular asegurou que durante a mesa local de comercio a concelleira de Economía, Ana Prieto, recoñeceu que a mellor opción para os emprendedores será negociar, a futuro, directamente coa Xunta de Galicia a compra do local polo que, segundo os populares, se demostra que a decisión da rexedora de alugar os locais á Xunta foi “unha rabieta” porque “foron os propios socialistas os que bloquearon a venda destes locais da Tinería hai un ano”.

Nesta xuntanza da mesa local de comercio estiveron presentes varias asociacións empresariais (CEL, Federación de Comercio Lugo, Lugo Centrum, Asociación de Autónomas e Itineris) que constataron “a imposibilidade” de amortizar en catro anos unha inversión como a que se ten que realizar nos baixos da Tinería. De feito, unha das participantes na xuntanza, e que rexenta un negocio na Tinería, confirmou que tivo que agardar dous anos e medio para obter os permisos necesarios para poñer en marcha o seu negocio e que, actualmente, leva catro meses esperando pola concesión da licenza necesaria para acometer unhas obras de reforma no seu negocio.

Un extremo que contrasta cunha das cláusulas que o Concello de Lugo quere facer asinar os concesionarios dos baixos da Tinería, aos que quere obrigar a poñer en marcha o seu negocio nun prazo máximo de dous meses dende a entrega das chaves do local. Neste senso, dende o  Concello aseguraron esta mañá que “non poden asegurar que se concedan as licenzas nun prazo de tempo que permita cumprir con esta cláusula” polo que dende o Grupo Popular piden ao goberno local que se “replantexen a estratexia para o barrio da Tinería e, sobre todo, que corrixan a información da web municipal e que deixen de mentir publicamente”.

Antonio Ameijide explicou que os técnicos municipais tamén confirmaron que, a día de hoxe, o Concello de Lugo non recibiu ningunha solicitude para a cesión dos locais da Tinería. “Dende que o pasado 14 xuño se publicou no BOP a apertura do prazo de solicitude dos locais, o Concello non recibiu ningunha petición, o que demostra que as condicións impostas polos socialistas non son atractivas para ninguén”, afirmou o voceiro popular.

Cidadáns pide que “non se engane” 

Cidadáns tamén criticou hoxe “a forma de actuar á vaiche boa deste Goberno municipal” que, segundo a voceira da agrupación, Olga Louzao, “está a crear unha absoluta inseguridade ás persoas que queren optar a un dos locais da Tinería”.
A agrupación fixo constar esta mañá a súa preocupación por este proceso “tendo en conta que os locais son propiedade da Xunta de Galicia e que non hai garantía ningunha para os posibles adxudicatarios de que se lles poida prorrogar os seus contratos de aluguer, que rematarían dentro de catro anos, cando habería que sacar a concurso de novo os locais e non se podería primar aos que o estean ocupando porque legalmente non é posible facer iso”, lamentaba Louzao.
Cidadáns pídelle ao Goberno que “non engane aos interesados con cantos de serea que non se poden cumprir”, afirmou a voceira quen aclarou que “queremos que as cousas se fagan ben e con garantías porque non queremos que o que hoxe pode ser unha boa iniciativa se convirta nun problema dentro de catro anos, un problema que esta alcaldesa sabe que non terá que resolver porque posiblemente non estea no Goberno. Este asunto ten pinta de ser un marrón máis para o próximo Goberno municipal, unha das herdanzas envelenadas que vai deixar esta alcaldesa”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo