O PP de Guitiriz pide unha solución “consensuada” aos problemas de subministro da auga

O Grupo Municipal do PP en Guitiriz solicita ao goberno a convocatoria dunha reunión con todos os grupos políticos que conforman a corporación local para abordar os problemas de subministro e consumo de auga que se están a dar no municipio.

Neste senso, os populares rexistraron unha moción para o seu debate no pleno do vindeiro 28 de novembro coa que demandan “unha solución global, consensuada e, por suposto, aprobada por unanimidade polo Pleno”.

Xosé María Teixido, voceiro da formación azul en Guitiriz, critica duramente ao goberno municipal por non ter en conta aos grupos da cámara municipal “nun asunto tan importante para Guitiriz” e lamenta que “unicamente teñamos coñecemento a través da prensa de que o goberno local vai a sacar a contratación un proxecto para desviar o subministro de auga sen pasar polo encoro facendo uso da antiga rede de circunvalación”.

Así pois, defenden os populares que “feito xa o bypass -como unha obra menor para saír de apuros-, cremos que as obras de desviación da canalización da auga para o encoro non se deberían facer efectivas nin firmes en canto a proxecto sen antes tomar unha solución global, consensuada e que conte cos debidos informes técnicos”.

Teixido considera que esta medida evitaría “trapalladas ou chapuzas come cartos que só ofrecen unha solución a curto prazo, pero que ao longo non dan resultados” como é o caso do filtro desferrizador que decidiu mercar o goberno local “cun custe importante para o Concello, pero con parcos resultados”. Nesa liña, aposta por que “estas obras as acometa unha empresa con experiencia neste ámbito e non aquela que as faga máis baratas”.

O voceiro do PP local acusa tamén ao goberno do municipio de “non querer limpar o pantano, nin antes nin agora” tal e como demostra o feito de que “estiveron buscando posibles novas captacións de auga para evitar depender desa auga”. Pero, segundo os populares, “o desvío da auga do encoro, non garante que estea máis limpa”. Igualmente, inciden dende o Grupo Municipal do Partido Popular en que “cada verán aumenta un terzo a poboación” e en que “nos últimos anos viñeron moi calorosos” polo que “se evapora máis a auga e sube o seu nivel de ferro”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com