" />

O PP de Meira defende a mellora e ampliación do centro de saúde da localidade

O PP de Meira defende “a mellora e ampliación do centro de saúde da localidade”. Así o explicou o portavoz municipal, Carlos Veiga, nunha visita ao centro médico na que tamén participaron outros membros da agrupación local e a deputada no Parlamento de Galicia, a doutora Encarna Amigo.

Veiga considera que “as instalacións que teñen máis de 30 anos requiren dunha reforma” e tamén cre que “é necesaria a ampliación do centro médico e o Punto de Atención Continuada onde se atenden aos veciños e veciñas dun total de seis municipios”. Os populares agradecen que a Xunta accedera ás súas peticións e inclúa no seu Plan de infraestruturas de atención primaria ao centro de saúde de Meira. De feito, dirixe 300.000 euros ao proxecto.

A reforma proposta pola Xunta consiste na ampliación do centro para resolver problemas de espazo que permitirán dotar de máis salas ao centro de saúde e tamén ao PAC. Na área correspondente ao centro médico crearase unha consulta de enfermería pediátrica, unha sala polivalente, unha sala de técnicas (probas complementarias, citoloxías…), un almacén, unha sala de limpeza, a adaptación de aseos e ampliación da área de recepción e arquivo. E dotarase ao PAC de vestiarios e almacén; ademais de ampliar o box de críticos.

A deputada popular defende “a implicación e a aposta da Xunta pola sanidade pública como reflicte o incremento do 23% nos orzamentos do Sergas entre o 2009 e o 2022”. En relación ás infraestruturas de Atención Primaria, Amigo destaca que as contas do Goberno galego para este exercicio inclúen 2,65 millóns de euros para licitar as obras de reforma de centros de saúde que figuren na prioridade 1 do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria entre o que se atopa o de Meira; ademais doutros centros da provincia (a construción do novo centro de saúde do Sagrado Corazón en Lugo, o de Pantón e o de Ribadeo e a reforma do centro de saúde da Milagrosa en Lugo e do de Outeiro de Rei). A Xunta ten reservados outros 400.000 euros para o inicio da obra do novo centro de saúde de Antas de Ulla e unha partida específica de 6,2 millóns para a continuación da obra do Centro Integral de Saúde da cidade de Lugo.

A popular fai tamén fincapé en que “estas reformas e as construcións de novos centros de saúde seguen a liña das actuacións da Xunta de Galicia dende o ano 2009, co goberno do Partido Popular, que supuxo a mellora de 95 centros de saúde na comunidade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo