O PP defenderá no Parlamento o impulso dunha estratexia de apoio para o sector cárnico

O deputado popular no Parlamento de Galicia e presidente da Comisión 7ª, Agricultura, Gandería e Montes, Daniel Vega, defenderá este venres o impulso dunha estratexia de apoio ao sector cárnico por parte do Goberno galego para “potenciar o sector e o rural”.

Vega explica que “desde o Grupo Parlamentario Popular de Galicia cremos que é esencial a creación dunha estratexia de dinamización do sector cárnico galego, con mesas de participación de todos os axentes da cadea de valor do sector, para analizar e dar solución aos retos presentes e futuros” debido á relevancia deste sector e á existencia de antecedentes de plans estratéxicos para outros sectores que comparten a mesma importancia, como é o sector vitivinícola ou o lácteo.

“Un sector fundamental”
O popular considera “fundamental” ao sector primario en Galicia que é o principal sector para moitas comarcas e que supón o 6,9% do PIB da economía galega. Vega indica que o sector cárnico, concretamente, xera máis de 70.000 postos de traballo e que está vencellado a máis de 61.000 explotacións que superan as 400.000 toneladas de produción de carne. Así mesmo, son 231 as empresas dedicadas á industria cárnica en Galicia. Con 1.300 millóns de euros facturados no ano 2018 e 3.449 traballadores, o sector cárnico posúe un valor económico de 37 millóns de euros.

O presidente da Comisión 7ª do Parlamento de Galicia defende, polo tanto, “a potenciación do sector cárnico galego en relación á profesionalización dos gandeiros e á capacidade de competir nos mercados nacionais e internacionais”. Nese sentido, o parlamentario nomea tanto ao sector porcino, como ao ovino, caprino, equino, bovino, avícola e cunícola.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com