O PP denuncia a “manobra” socialista para tratar de disolver Suplusa

O Grupo Provincial do PP abandonou hoxe o Pleno da Corporación para denunciar a “manobra” dos socialistas na Deputación de expulsar a un compañeiro para tratar así de ter maioría e disolver Suplusa. Os populares consideran que a folla de ruta que lle están marcando ao presidente da institución “só busca acabar con el” e cualifican de “surrealista” que ameazara con chamar á Garda Civil para botar fóra a un deputado, que ademais foi o seu vicepresidente.

A voceira do PP, Elena Cancia, explicou que “cada vez saímos máis preocupados porque isto era unha maniobra para que puideran ter a maioría suficiente para aprobar a disolución de Suplusa que é o que lles preocupa, quitarlle os instrumentos de traballo a quen primeiro nomearon presidente”. A deputada explicou que Suplusa “ten traballadores, ten proxectos en marcha, constituíuse hai moitos anos, puido facer cousas ben e cousas mal, pero non se pode expulsar a un deputado por iso, non creo que o que dixo fose de entidade como para non deixarlle votar. Creo que se están traspasando os límites e teremos que seguir co noso proxecto e a nosa folla de ruta ante este desgoberno”.

Defendeu o papel do PP na aprobación do Plan Único; “tivemos unha participación moi activa desde o 2016, aprobamos os remanentes de crédito e fixemos as nosas achegas na cesión do Breogán, a partir de aí creo que non procede un debate político cando non está toda a Corporación”, expuxo.

“Isto é unha maniobra e estanse poñendo neste momento en perigo os postos de traballo, xa se xogou coas persoas seleccionadas nos últimos anos e estamos ante unha situación complexa na que imos ter que reflexionar sobre acudir aos tribunais porque isto escapa ao debate político toda vez que a unha persoa se lle limita a posibilidade de participar e o Goberno utiliza esa expulsión para ter unha maioría que non ten”, esgrimiu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com