O PP denuncia que o PSOE está facendo “campaña electoral” á conta da Deputación

O Grupo Provincial Popular denunciou ao PSOE por estar facendo unha campaña electoralista á conta da Deputación de Lugo. Fíxoo ante as informacións publicadas en medios de comunicación e, concretamente, en dúas notas de prensa enviadas polos socialistas onte e hoxe; unha delas, onde din que o partido mellora os accesos de cinco parroquias en Ribadeo beneficiando a 1.000 veciños. Desde o PP “facemos un chamamento para esixir que sexa entón o PSOE o que aboe o importe desas obras”.

A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, asegura “non entender e creo que debemos criticar esta práctica porque ademais estamos convencidos de que esta non é a maneira de facer política e que se está utilizando á Deputación dunha maneira incorrecta. Se hai un investimento en Ribadeo ou en Taboada é grazas a uns investimentos da Deputación que nun Goberno en minoría se deciden nun pleno da Corporación Provincial”.

“Aínda que queiran minimizar esta circunstancia tan importante, o certo é que o PSOE nin paga, nin financia as obras destas cinco parroquias. Por iso, e ante un excesivo uso político da Deputación provincial ao servizo do Partido Socialista en plena campaña electoral, pouco menos temos que reprobar ese comportamento e temos que pedirlle ao presidente da Deputación que lidere institucionalmente como procede calquera comunicación institucional e respectuosa sobre investimentos en calquera concello da provincia”, explicou Candia.

“Pedímoslle tamén que deixe de enviar ao seu emisario político, o secretario xeral do PSOE, que o único que lle preocupa son os socialistas e non os veciños da provincia, de Ribadeo ou Taboada, con este tipo de anuncios, que ademais de ser incorrectos son pouco éticos, por non usar outro cualificativo”.

Candia precisa que “o PSOE non fai obras, non financia obras, non mellora accesos a cinco parroquias, é a Deputación provincial grazas a uns orzamentos que tiveron que negociar e que, en todo caso, a nivel institucional ten que ser respectuosa cos concellos e non porque llo diga a voceira do Grupo Provincial do PP, senón porque foi aprobado nun Pleno no que se obrigou e esixirlle ao presidente que deixara de facer esta campaña electoralista á conta da Deputación”.

Así, a popular recorda que foi preciso modificar nun Pleno da Deputación as bases do Plan Único para esixirlles que non incorreran neste tipo de prácticas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com