O PP destaca os incentivos da Xunta á instalación de empresas na provincia

O secretario xeral do PP de Lugo, Jose Manuel Balseiro salientou esta mañá que “a Xunta de Galicia reforzará os incentivos á instalación de empresas na nosa comarca ofertando solo industrial desde 38 céntimos o metro cadrado”.

Balseiro explicou que estas medidas empezarán a aplicarse en decembro, nos parques empresariais propiedade de Xestur, a axencia pública dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, e estenderanse a todos os parques industriais autonómicos nunha segunda fase, no primeiro trimestre de 2016, os propiedade do IGVS. Os adxudicatarios dos dereitos de superficie poderán construír as instalacións necesarias para desenvolver o seu proxecto empresarial nas parcelas que lles adxudiquen tan só a cambio dun canon anual.

O novo plan de solo bonificado vai dirixido aos futuros titulares destas parcelas que poderán beneficiarse dun primeiro ano de carencia (durante o que non pagarán nada) e dunha sensible rebaixa nos anos posteriores xa que o canon anual por metro cadrado oscilará tan só, entre os 38 céntimos e os 2,287 euros, ata un máximo de 30 anos.

Respecto das condicións, os adxudicatarios están obrigados a edificar as súas instalacións e obter a licenza de actividade correspondente nos primeiros tres anos desde que se realiza a adquisición, co obxectivo de garantir que os investimentos e a creación de postos de traballo se realicen no prazo máis curto posible. Durante os dez primeiros anos de concesión, os adxudicatarios poderán exercer o dereito de compra das parcelas ao seu prezo orixinal descontando a parte que xa pagaron de canon. O prego establece que o prazo de vixencia do dereito de superficie será de trinta anos, prorrogables ata un máximo total de sesenta anos, por acordo entre as partes.

Balseiro aclara en concreto, que nos parques industrias de Muimenta (Cospeito), Guitiriz, O Corgo, Cuiña (Cervo), Barreiros, Foz, Landrove (Viveiro) e As Gándaras (Lugo) a oferta de solo dispoñible coas novas condicións bonificadas  supón a disposición a prezos especiais de 304.167,91 metros cadrados e 96 parcelas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com