O PP esixe a Lara Méndez a renovación inmediata do obsoleto sistema de comunicacións dos bombeiros

Membros do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, seguen a visitar os diferentes departamentos e dependencias municipais e nesta ocasión achegáronse ata o parque municipal de bombeiros, onde soubo dos problemas de comunicacións que teñen os membros deste corpo.

Ramón Carballo explica que o sistema de comunicacións que empregan os bombeiros de Lugo “está obsoleto” o que xera numerosos problemas á hora de establecer comunicacións durante un servizo que, na maioría de ocasións, “é de urxencia” polo que “é imprescindible” que este corpo de emerxencias teña un sistema de comunicacións “funcional e en perfectas condicións”.

Neste senso, Carballo recórdalle a Lara Méndez que como alcaldesa e máxima responsable da seguridade en Lugo “ten que asumir a súa responsabilidade” e dotar a este corpo dun sistema actualizado, xa que os bombeiros chegaron a estar incomunicados durante algunha intervención, unha situación que nunca se podería dar xa que o primeiro é garantir a seguridade das persoas.

O lider local popular, reitera a necesidade de que Lara Méndez tome en serio a seguridade no Concello de Lugo. O Grupo Municipal Popular xa denunciou en numerosas ocasións o déficit duns 100 policías que ten a Policía Local, situación que se repite nos Bombeiros, un corpo que en Lugo tería que contar cuns 96 efectivos, pero a realidade amosa que tan só hai uns 30.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo