O PP expón as “12 decisións” que explican a “crise de persoal” do Concello de Lugo

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia que coa folga iniciada hoxe no Concello se “certifica” o fracaso en materia de persoal de Lara Méndez xa que “non se recorda unha folga e unha crispación” destas características entre o persoal municipal. “Converteron Lugo na cidade da parálise e da crispación, chegando a complicar a situación ata límites insospeitados, xa que, segundo os medios de comunicación, estas confrontacións xa pasaron das palabras”, afirmou o popular.

Ante esta situación, o voceiro popular expón 12 exemplos da crise de persoal “provocada” por Lara Méndez á fronte do Concello de Lugo.

En primeiro lugar, Ameijide recordou a supresión en xaneiro da Dirección Xeral de Recursos Humanos. O popular di que este posto de traballo non solucionou ningún dos problemas existentes no Concello de Lugo e o único que supón é unha duplicidade de funcións porque se lle encomendan cuestións que son competencia da Xefatura de persoal. Por outra banda, o popular lembra, precisamente, a dimisión da directora xeral de Recursos Humanos despois de que o acordo plenario tomado por toda a oposición lle esixira a Lara Méndez a supresión deste cargo.

En terceiro lugar, Ameijide explica que a “nefasta” xestión de Lara Méndez á fronte do Concello redunda nun funcionamento “inadecuado” da administración, que se ve reflectido, explica o popular, nas numerosas xefaturas de servizo que están vacantes , o que repercute no caos de persoal que se vive no Concello de Lugo. En cuarto lugar, o voceiro popular insiste en que “a falta de dirección política en materia de persoal” debilita a organización interna do Concello, motivo polo que os traballadores se reuniron en varias ocasións co Grupo Popular para amosar o seu descontento.

Antonio Ameijide pon sobre a mesa outra das reclamacións do persoal municipal, como é a Relación de Postos de Traballo (RPT), un problema que chegou a tal punto, que na segunda proposta de acordo realizada aos traballadores tivo menos apoios que na primeira. En sexta posición, o popular sitúa a posible caducidade das 31 prazas da Oferta de Emprego Público (OEP) do ano 2015 do Concello de Lugo.

En sétimo lugar, Ameijide di que a falta de persoal no Concello provoca problemas como o colapso existente na resolución de licenzas, chegando a resolverse unha licenza cada tres días. Entre outras cousas, o popular exemplifica tamén a falta de persoal municipal coa renuncia do xefe de bombeiros de Lugo tras varias discrepancias coa alcaldesa.

A crise “creada por Lara Méndez” na Escola Municipal de Música, é o noveno exemplo do popular. Un problema “enquistado” polo goberno socialista que, logo de dous anos co problema xurdido pola sentencia que anula os novos contratos dos músicos, o goberno local non fose capaz de buscar unha solución o que provocou que os 18 profesores e membros da banda non saiban se va cobrar as nóminas de decembro e dos meses posteriores.

En décima posición, os populares poñen a negativa de Lara Méndez a negociar a modificación do Regulamento Interno de Persoal e tentar impoñer as súas esixencias sen ter apoio algún. A única intención da rexedora era acadar unha modificación que lle permitira impoñer unha “barra libre” de horas extraordinarias aos traballadores municipais para tapar as “alarmantes carencias de persoal” que hai nos diferentes servizos.

En décimo primeiro lugar, o popular fala das 23.612 horas extraordinarias que os socialistas ordenaron realizar aos traballadores municipais, tendo un custe total para as arcas municipais de 512.999€. Ademais, desas máis de 23.000 horas extra encargadas, 4.483 incumpren o Regulamento Interno de Persoal, polo que Lara Méndez pode deixar sen pagar 92.441,52€.

Finalmente, o “colofón de todos os despropósitos” de Lara Méndez, para os populares, é a folga convocada polos traballadores municipais para protestar pola nefasta xestión en materia de persoal da alcaldesa. “É o colmo dos despropósitos, xa que o único consenso que acadou Lara Méndez en materia de persoal é a negativa de todos os
traballadores ás súas decisións”, sentenciou o popular.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo