O PP municipal denuncia que o Concello podería estar incorrendo nun delito de cesión ilegal de traballadores

A edil do Grupo Municipal do Partido Popular, Mari Teijeiro denunciou esta mañá que o Concello de Lugo podería estar incorrendo nun delito de cesión ilegal de traballadores.

Tal como explica a edil popular, a administración municipal está a botar man de empregados contratados por unha empresa privada para substituír a traballadores propios do Concello, asignándolles funcións e tarefas que corresponden en exclusiva a persoal municipal e, polo tanto, só deben desempeñar estes últimos. En concreto, trátase da substitución en caso de ausencia dos ordenanzas funcionarios de seis dos oito centros de convivencia municipais, dado que nos outros dous centros sociais (o de María Balteira e o Leiras Pulpeiro) é unha firma privada a que, de acordo co prego de condicións do servizo de animación sociocultural, se ocupa deste traballo ao non ter asignado ningún traballador municipal para asumir esta función de luns a venres.

Teijeiro subliñou que no resto de centros estas substitucións deberíanse facer en función da lista de contratación que habilitou o Concello para este fin, en lugar de contratar a unha empresa privada.

A popular censura que “o goberno municipal estea a privar do seu dereito de traballar ás persoas que figuran nesta relación e que foron clasificadas atendendo aos resultados das probas correspondentes”. Para o PP os socialistas están a vulnerar os principios de mérito e capacidade e aseguran que a mellor maneira de impedilo sería garantindo que se recorra á lista de contratación.

Nese senso, a concelleira popular detalla que “cumprir estritamente a legalidade beneficia a todas as partes, tanto ao Concello como aos traballadores que se atopan nesta situación e aos propios usuarios, xa que se lle dota de maior certidume á súa actuación”. Deste xeito, Teijeiro asegura que “o papel destes empregados non é simplemente o de abrir e pechar as portas do centro, senón que, ademais de constituír a primeira referencia para os veciños do entorno, tamén son quen asginan as citas para a atención do traballador social do centro”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com