" />

O PP municipal tampouco apoiará os orzamentos do Concello para este 2017

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular anunciou que o seu grupo non apoiará os orzamentos municipais para 2017, tal e como acordaron na xuntanza semanal que se celebrou onte, e na que se consensuou esta decisión co partido.

Castiñeira explicou que o goberno de Lara Méndez segue a mesma dinámica dos seus predecesores e asegurou que “venden fume e prometen proxectos que logo non executan e por iso non lles podemos outorgar a nosa confianza”.

O voceiro popular reflexionaba esta mañá que “nestes dous anos de mandato, os socialistas perderon toda a credibilidade en materia de xestión” e matizou que “os primeiros que non se fían son os que a colocaron na alcaldía”. Castiñeira sentiuse molesto con que “os deixasen para o final da ronda das negociacións malia que son a forza maioritaria” e puntualizou que “non queren ser o segundo prato de ninguén”.

Castiñeira afirmou que un voto a favor dos orzamentos municipais significaría “respaldar a xestión e validar o desgoberno que hai en Lugo”, facía así referencia voceiro popular ao baixo grao de execución dos orzamentos, a que se agravou a situación de descontrol no Concello con numerosas empresas sen contrato; ao incumprimento do 94% dos acordos plenarios de proposicións que presentou o Partido Popular e lembrando tamén como despois da sinatura do plan de investimentos máis da metade dos proxectos acordados entre PP e PSOe están pendentes de executar.

Cuestión de confianza

Con esta decisión do PP e tras coñecer nos últimos días o rexeitamento do resto de partidos da oposición que se pronunciaron, o Concello de Lugo quedaría sen orzamentos este ano a non ser de que se sometese a unha moción de confianza, da que alcaldesa, Lara Méndez, descartou a posibilidade por “responsabilidade”, dado que supoñería a paralización da cidade, tendo en conta que, “ás alturas do ano nas que estamos, poderíamos ter os presupostos aprobados no último trimestre, sen case posibilidade de execución”. Polo tanto, recalcou, “recorreremos a outros instrumentos dos que se nos dota á administración para poder seguir investindo e executando fondos, e buscando o ben da cidade, que é o que facemos sempre dende o Goberno”.

A día de hoxe, explicou a rexedora, os orzamentos do Concello están prorrogados, co que “agora seguiremos a traballar dende a seriedade e a rigorosidade para sacar adiante modificacións de crédito con apoios puntuais co fin de garantir investimentos na cidade e poder aplicar os fondos europeos que fomos capaces de captar”, nomeadamente o DUSI, así como outros proxectos destacados, como o Plan de Barrios.

“Levamos moitos meses falando con todas e cada unha das forzas políticas, ás que propuxemos a nosa proposta orzamentaria e mesmo chegamos a negociacións moi avanzadas, plasmándose incluso acordos, pero finalmente decidiron non apoiar este orzamento, polo que dende o Goberno, coma sempre, seguiremos exercendo a nosa responsabilidade”, asegurou Lara Méndez. “Os orzamentos prorrogados van a afectar a moitas cuestións pero haberá que seguir traballando cos instrumentos que temos para garantir o ben da cidade”, indicou.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo