O PP pedirá a creación dun ente provincial de turismo

A presidenta do Partido Popular de Lugo e voceira do Grupo do PP na Deputación, Elena Candia, anunciou hoxe que os populares levarán ao próximo pleno da institución lucense unha iniciativa a través da que instarán á administración a que se acorde a creación dun ente provincial de turismo.

A voceira do PP, explica que esta moción nace das conclusións que se obtiveron durante a mesa de traballo sobre turismo convocada pola executiva do Partido Popular da provincia de Lugo e liderada pola quiroguesa Rosa Arza (coordinadora de turismo no PP de Lugo) e polo alcalde de Sober e presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián.

A presidenta dos populares explica que é necesario a creación deste organismo provincial de turismo co obxecto de que ampare a todos os entes vinculados co sector na provincia e, deste xeito, se podan coordinar tamén as liñas de traballo coas distintas administracións públicas. É dicir, “trataríase dun ente encargado, por exemplo, de marcar as liñas de promoción turística, de administrar os recursos turísticos de toda a provincia e mesmo de pedir as subvencións relacionadas con este sector”.

Candia asegura que esta iniciativa, deseñada en colaboración directa e estreita con representantes do sector,  ten unha clara finalidade, a de darlle un pulo ao sector turístico e traballar a prol de promoción turística integral da provincia.

A maiores, durante a reunión da mesa de turismo da executiva do PP, tamén se avaliou a situación actual do sector e se estableceron outros puntos claves nos que incidir e que necesitan de actuacións inmediatas. Así, citáronse carencias na sinalización de monumentos de gran valor cultural e turístico, falouse tamén da necesidade de que haxa unha maior asistencia ás feiras internacionais de turismo, un maior contacto cos tour operadores e mesmo da importancia de crear unha marca única para a promoción dos produtos gastronómicos da provincia.

Na xuntanza dos populares tamén se defendeu a necesidade de fomentar a creación de festas de recreación histórica, así como a organización dun maior número de actividades dirixidas á xente maior, para o que se require ter máis contacto con asociacións vinculadas con este colectivo.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com