O PP propón usar o PIT para cursos de reeducación viaria para maiores de 65 anos

O viceportavoz do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Enrique Rozas, pide ao goberno local que estuden a posibilidade de habilitar as instalacións do parque municipal de tráfico (PIT), situado no parque de Frigsa, para a realización de cursos de reeducación viario para maiores de 65 anos. O popular pide que se considere esta iniciativa para mellorar a seguridade viaria na nosa cidade, unha medida na que “temos que colaborar todos, a administración e os propios cidadáns”.
Enrique Rozas explica que, segundo os estudos realizados, a partir desa idade “é frecuente” que se dean  circunstancias como a perda de mobilidade, de visión e de reflexos, “polo que lembrar determinados aspectos da condución e seguridade viaria e facer que se tome conciencia desta perda dalgunhas capacidades é fundamental en aras de garantir a mesma”. O popular asegura que para impartir estas clases de educación viaria, que se podería facer en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, o Concello de Lugo dispón de persoal “moi cualificado” para deseñar a programación e a duración dos cursos, do mesmo xeito que se fai cos programas dirixidos a escolares.
O viceportavoz popular explica que as instalacións do parque municipal de tráfico contan con varias aulas de formación, equipadas co material suficiente para impartir os cursos, co fin de mellorar os coñecementos dos participantes.
Enrique Rozas afirma que se trata dunha medida máis para paliar os datos de accidentes e atropelos cos que conta a cidade. De feito, hai escasos días que o viceportavoz popular pediu o repintado dos pasos de peóns de Lugo ao facer público que en 2017 no centro urbano de Lugo rexistráronse 49 atropelos e que moitos deles tiveron lugar na contorna de pasos de peóns. Unha administración responsable debe poñer todos os medios para evitar que se repitan con tanta frecuencia estes e outros sinistros e as solucións pasan por “un mantemento exhaustivo da sinalización e prevención con campañas informativas xa que cada euro investido en prevención en seguridade viaria é un euro ben investido”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com