O PP urxe á alcaldesa a designar un delegado de protección de datos para adaptarse a nova lei europea

O Grupo Municipal do Partido Popular urxe á alcaldesa de Lugo para que convoque unha xunta de voceiros na
que se consensúe a designación do delegado de protección de datos da administración local. O voceiro dos Populares apremia a que se tome esta decisión xa que o vindeiro 25 de maio se empezará a aplicar unha nova normativa europea relativa ao tratamento de datos.

Antonio Ameijide criticou a desidia dos socialistas que “deixaron durante dous anos de lado os trámites para adaptarse a esta norma desoíndo as indicacións dos funcionarios” en alusión a que este Regulamento Xeral de Protección de Datos entrou en vigor o 25 de maio de 2016. “Non fixeron absolutamente nada, non están ao que teñen que estar”, sentenciou.

O voceiro popular, co ánimo de conseguir coa maior celeridade posible axustarse a esta normativa, levará ao pleno de mañá unha moción de urxencia para acadar un acordo de toda a corporación. “Pensamos que dado o carácter e a sensibilidade da información que se manexa dende o Concello a alcaldesa debería facer un maior esforzo por preservar e garantir o trato correcto dos datos que hai dos cidadáns”.

Ameijide lamenta que o goberno socialista deixe todo “para última hora” recalcando que “hai un desinterese manifesto e unha falta de xestión absoluta que afecta a cuestións de toda índole”. Os populares explican que o delegado de protección de datos “podería ser un funcionario ou ben unha empresa externa” de aí que reclamen unha xuntanza para valorar o sistema que máis beneficie ao Concello. Dende o Grupo Popular indican que hai antecedentes, no ano 2010, de apercibimento ao Concello de Lugo por parte da Agencia Española de Protección de Datos “por dar a calada por resposta” a unha petición dun funcionario que solicitou a cancelación de datos persoais.

Ameijide reflexionou que “é moi penoso que o goberno de Lara Méndez viva nun estado de alegalidade permanente dende o pago con reparos de legalidade a empresas que prestan servizos con contratos caducados ou incluso á falta de adaptación do Plan Emerxencias”. Nese senso, o voceiro popular lembrou que ao pleno de mañá tamén pedirán que se actualice este documento que está obsoleto e é incompleto ya que lleva 11 años sin revisarse polo que “non está
preparado para afrontar os perigos que poden xurdir en Lugo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com