O PSdeG-PSOE da Provincia de Lugo abre a campaña en Guitiriz

O PSdeG-PSOE da Provincia de Lugo deu comezo aos actos da campaña electoral cun mitin en Guitiriz, onde as deficiencias no sistema sanitario tanto do municipio como de toda a provincia e o abandono do rural foron os temas clave.

Os candidatos fixeron unha crítica á xestión que Feijóo levou a cabo na provincia, asegurando que o cambio para frear o despoboamento e garantir o benestar de todos os veciños e veciñas vén da man do Partido Socialista.

O candidato autonómico número un pola Provincia de Lugo, Luis Álvarez, destacou a necesidade de “ampliar a rede de residencias para maiores e dar solución a todas aquelas persoas que quedaron sen praza ou que se teñen que desprazar a outros concellos”, recollendo as peticións “que me fan chegar moitos veciños que por desgraza padeceron de primeira man esta falta de medios e de sensibilidade por parte da Xunta”, explicou.

En palabras da parlamentaria e candidata número dous, Concepción Burgo, “o abandono que sofre todo o rural evidénciase con algo tan alarmante como a falta de persoal médico en moitos concellos da provincia, como o de Guitiriz, deixando desasistidos aos pacientes”, censurou.

A Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, afirmou que o seu concello estivo plenamente activo nas reivindicacións de radioterapia para todos e hemodinámica 24 horas en Lugo, “porque os guitiricenses tamén teñen dereito a que se lles preste un servizo sanitario de calidade”. Polín pediu a confianza dos seus veciños para “revertir todos os danos que fixo a dereita na Xunta”, asegurando que “agora temos a oportunidade de mudar a política de retallos e desidia do Partido Popular cun voto socialista”, finalizou.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com