O PSOE acusa a Candia de repartir catro millóns entres 18 concellos do PP

O Grupo Provincial do Partido Socialista, afirmou hoxe que a presidenta de Deputación de Lugo, Elena Candia, ” tentou repartir uns 4 millóns de euros entre 18 Concellos do Partido Popular. Desta cantidade, polo de agora conseguiu dar máis de 1,3 millóns de euros a 9 municipios gobernados polos populares. Non conseguiu facer o mesmo cos restantes máis de 2,5 millóns de euros, posto que, finalmente, as dúbidas que alegaron os propios técnicos provinciais supuxeron que hoxe quedasen sobre a mesa da Xunta de Goberno os 11 convenios con máis Concellos do PP”.

“Con todo, Candia convocou unha Xunta de Goberno Extraordinario para o vindeiro martes, 6 de outubro, cun único punto na orde do día, que é “Aprobación, se procede, de convenios de colaboración con distintos concellos”, afirmaron os vicevoceiros provinciais socialistas, Pilar García Porto e Álvaro Santos Ramos.

García Porto subliñou que “dende o primeiro momento o PSOE asegurou que Candia retornaba ao organismo provincial o peor do caciquismo con políticas destrutivas, baseadas en a Xunta convida e a Deputación paga, e totalmente partidistas. Así o demostrou cando suprimiu fondos da institución para a creación de emprego en toda a provincia en beneficio do PP. A Presidenta Comisionista e Caciquil empregou estes cartos para incrementar as Axudas ao Fogar en 500.000 euros, fondos que repartiu nun 66% entre os 33 Concellos do Partido Popular, fronte ao 22% dos 27 do PSOE e ao 12% dos de BNG e Independentes”.

“As súas primeiras subvencións foron para Concellos do PP”, remarcou. Trátanse das axudas de 18.000 euros para Foz e Antas de Ulla, aprobadas na Xunta de Goberno do 7 de agosto. García Porto asegurou que “pola porta de atrás, pois foron nos asuntos de urxencia, na Xunta de Goberno do pasado venres, 25 de setembro, Candia repartiu máis 1,3 millóns de euros da Deputación entre 7 Concellos do PP, entre os que non podía faltar Mondoñedo, que recibe máis de 300.000 euros”. Os restantes municipios son Baralla, O Saviñao, Paradela, Portomarín, Riotorto e Taboda.

“Na Xunta de Goberno de hoxe Candia tentou repartir outros 2,5 millóns de euros entre máis municipios amigos. Finalmente, as dúbidas que alegaron os propios técnicos provinciais supuxeron que os 11 convenios cos Concellos de Castro de Rei, Barreiros, Begonte, Bóveda, Guntín, Outeiro de Rei, O Saviñao, Taboada, Vilalba, O Vicedo e Xove quedasen sobre a mesa. Con todo, Candia convocou para o vindeiro martes, 6 de outubro, unha Xunta de Goberno Extraordinaria cun único punto na orde do día: Aprobación, se procede, de convenios de colaboración con distintos concellos”.

Santos Ramos falou dunha “nova rectificación de Candia, pois hoxe na Xunta de Goberno aprobou a convalidación de todos os actos dende que é Presidenta ante a composición irregular do seu Goberno Provincial, que poñía en dúbida todos os seus acordos, posto que poderían ser declarados nulos de pleno dereito. O PSOE advertiu a Candia de que o seu Goberno era contrario á Lei, xa que os nomeamentos dos dous Vicepresidentes e do Deputado de Medio Ambiente non se axustaban á legalidade ao non ser membros da Xunta de Goberno, facendo que esta última tamén fose irregular. O BOP deste pasado luns publicada a primeira rectificación de Candia, que integrou aos 2 Vicepresidentes na Xunta de Goberno e non así ao Deputado de Medio Ambiente, polo que a Xunta de Goberno segue sen axustarse á lei”.

Santos afirma que “Candia mentiu pois ao día seguinte desta publicación no Boletín Oficial da Provincia, no Pleno Provincial, dixo que “seguirían os informes técnicos” á hora de facer cambios, cando estes xa eran públicos no BOP. Hoxe desmóntase unha mentira máis da Presidenta Comisionista e Caciquil, que asegurou que as Xuntas de Goberno celebradas eran válidas porque ela mesma estivo presente nelas. Con todo, hoxe acordou a convalidación de todos os actos”.

O vicevoceiro tamén informou sobre o que cualificou de “regalo” do Audi A-8 do ex-presidente do ente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, xa que Candia decidiu cambialo por unha furgoneta, “despilfarrando recursos públicos, pois este coche do parque móbil estaba totalmente amortizado e tiña unha vida útil do 80%. Podería ser empregado pola Deputación de Lugo a lo menos durante máis dunha década”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com