O PSOE de Lugo instará á Corporación a rexeitar acordos con formacións que propugnen a eliminación das medidas contra a violencia machista

O PSOE municipal de Lugo presentou unha moción para abordar no vindeiro Pleno instando a todos os partidos políticos da Corporación a que de xeito unánime expresen o seu rexeitamento a calquera posicionamento político que propugne a eliminación ou minoración das medidas de prevención, atención e protección das mulleres fronte á violencia machista.

Así mesmo, insta a que se comprometan a marcar liñas vermellas e rexeitar a adopción de calquera tipo de acordo, explícito ou implícito, con formacións que expoñen a supresión ou redución das medidas contra a violencia cara as mulleres, dando así cobertura a políticas irresponsables que levan un altísimo risco de agravar o problema.

Para o PSOE de Lugo, é imprescindible reforzar e seguir poñendo en valor as medidas contidas no Pacto de Estado en materia de violencia de xénero de Congreso e Senado co obxectivo de combater o terrorismo machista, o problema máis grave que sofre actualmente a sociedade, que ten o seu caldo de cultivo nunha cultura e educación profundamente antidemocrática e que parte da idea da superioridade do home sobre a muller.

O grupo municipal socialista lembra que os datos da violencia machista en Lugo, que comezou o ano con 468 casos activos no Sistema VioGen de protección ás vítimas, dos que o 48% que viven no concello de Lugo e o 52% residen no resto de concellos da provincia.  Ademais, 57 das vítimas teñen máis de un caso con distintos agresores e contabilizáronse 73 agresores reincidentes que teñen casos activos con máis de unha muller.

Ante esta situación, os socialistas cren necesario que todos os partidos manifesten a súa repulsa a todas as manifestacións da devandita violencia, o seu compromiso coas vítimas e a declaración da tolerancia cero cos maltratadores.

A pesar da utilidade e do recoñecemento internacional recibido pola lei integral da violencia de xénero, do importante proceso de toma de conciencia social que se produciu no noso país sobre a gravidade da violencia contra as mulleres e o gran obstáculo que isto supón para a convivencia democrática, a pesar de todo iso, hoxe, algunhas forzas políticas expoñen unha demolición de toda a estrutura de prevención, atención e protección das mulleres vítimas de violencia de xénero. E para iso contan coa complicidade de partidos políticos dispostos a laminar o dereito das mulleres a unha vida libre de violencia; coma se 976 mulleres asasinadas desde que temos datos, e unha media de 150.000 denuncias anuais por malos tratos non fosen razóns suficientes para rexeitar e illar a quen sen andrómenas fan do machismo a súa bandeira política.

O compromiso das forzas políticas coa democracia e o estado de dereito esixe un compromiso coa vida e coa liberdade das mulleres, un compromiso firme en prol dunha política sostida para erradicar a violencia de xénero. “Non podemos, non debemos pór en perigo o presente e futuro das mulleres e dos  seus fillos e fillas”, explican os socialistas.

Así o esixe a sociedade, e en particular, as organizacións de mulleres que saben que nesta materia só se conseguen avances se hai un compromiso de todas as forzas políticas e sociais para colocar na axenda política a loita contra todas as formas de violencia contra as mulleres.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo