O PSOE denuncia o “bulo propagandístico” do PP sobre o Hospital da Costa

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, alcaldes, concelleiros, voceiros e militantes de todos os Concellos da Costa denunciaron hoxe “o bulo propagandístico” do Partido Popular sobre o Hospital da Costa,“que foi desmantelando e recortando máis e máis servizos sanitarios públicos ata conseguir que os 72.000 veciños da Mariña teñen que ir a Lugo ata para cambiar a pila dun marcapasos”.

Santos Ramos explicou que “non vimos a criticar as obras, senón o bulo propagandístico do Partido Popular onte na Mariña. Vimos a dicir cal é a realidade do Hospital da Costa. Rematáronse unhas obras, que o PP demorou durante 10 anos, o tempo que tardou en executar a primeira fase destas actuacións. Queda unha segunda fase, que actúa sobre as vellas instalacións, e que co ritmo de execución do PP non veremos ata antes do 2024”.

Segundo explicou o secretario xeral socialista, os veciños da Mariña “non poden esperar tanto tempo por uns servizos sanitarios dignos”.  Os socialistas criticaron que o presidente da Xunta viñera onte a inaugurar unhas obras que non trouxeron consigo ningún servizo sanitario novo, nin outras melloras. “Hoxe no hospital da Costa seguen sendo atendidos 30 pacientes por 1 soa enfermeira. Pola noite, atopamos 3 celadores para atender Urxencias, UCI, partos e quirófanos. Que se deixa sen atender se hai necesidades nestes catro servizos ao mesmo tempo?”.

Asemade denuncian que o Hospital da Costa continúe sen ter un servizo propio de oncoloxía, nin de xeriatría e que probas tan importantes como as de esforzo para un diagnóstico cadiolóxico conten con máis de 400 días de espera porque non hai especialistas suficientes. “E xa non falemos de colocar un marcapasos ou dun simple recambio de pilas de marcapasos, pois os veciños da Mariña teñen que desprazarse a Lugo para poder facelo. Como tamén se desprazan aquelas nais que teñan un parto dun grande prematura, os casos de operacións de fimose, cataratas…”

“Un reumatógolo ten un prazo de espera de ata 1 ano. Alguén pode concibir que se espere tanto tempo despois dun traumatismo ou dunha cirurxía que convela o seu postoperatorio e polo tanto a súa unha rehabilitación?”, preguntanse os socialistas que non consideran “decente” que se fagas as resonancias só unha vez ao mes e dentro dun camión que se sitúa diante do hospital porque o centro non conte con aparellos para facelas. “Isto non é comprensible nunha sanidade pública”, conclúe Santos Ramos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com