O PSOE provincial esixe á Xunta Hemodinámica 24h e publicar os datos do REGALIAM

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, xunto aos Deputados Socialistas no Parlamento de Galicia, Concepción Burgo, Luís Álvarez e José Antonio Quiroga, participaron esta tarde xunto con membros de outras institucións e asociacións da provincia no debate sobre a moción que o PSOE levou á Cámara galega. Dita moción esixe á Xunta de Galicia a implantación do servizo de Hemodinámica 24 horas no Hospital Lucus Augusti durante o 2018 e a publicación cada 6 meses de todos os datos estatísticos do  Rexistro Galego de Atención ao Infarto de Miocardio (REGALIAM).

Trátase dunha iniciativa que xurdiu logo de que os socialistas conseguisen que o Goberno galego do Partido Popular facilitase uns poucos datos do REGALIAM tras advertilo de que se non o facía acudiría aos tribunais (TSXG). Esta información oficial reflexa que en Lugo a media de mortalidade por infarto aos 30 días e o tempo de espera de atención é o máis alto de toda Galicia, así como que o 75% dos lucenses que sufriron esta situación tiveron que ser trasladados e atendidos noutros hospitais, fóra da súa provincia, por non ter no HULA Hemodinámica 24 horas.

Santos Ramos destacou que “dende o PSOE, o partido que sempre defendeu Hemodinámica 24 horas no HULA, presentamos esta nova iniciativa porque estamos fartos das mentiras do PP e do seu desprezo aos veciños da provincia. Os datos do REGALIAM non son públicos na súa totalidade. Os poucos que nos facilitaron amosan que os lucenses estamos sendo maltratados polas decisións políticas e unilaterais do PP na Xunta, que leva 7 anos negándonos Hemodinámica 24 horas na nosa provincia. O tempo medio de atención dos lucenses que sofren un infarto é de 155 minutos, o máis alto de Galicia. Noutras provincias é de 102. Hai case un hora de diferenza. Todos os expertos manteñen que a espera non debe superar os 120 minutos. En Lugo, a taxa de mortalidade por infarto aos 30 días é o dobre que noutras provincias. Todo isto significa que o capricho do PP de non dotar a Lugo de Hemodinámica 24 horas están sendo moi negativo para a saúde e as vidas dos lucenses. Non podemos consentir isto”.

“O PP debe dotar a Lugo desta prestación sen escusas, sen dilatacións, sen máis mentiras e sen máis desprezos aos lucenses. E tamén debe facer pública a información íntegra do REGALIAM, un rexistro que creou para xustificar ante os lucenses que non necesitamos Hemodinámica 24 horas. Temos dereito a coñecer esta información que para o PP poden ser simples datos pero que para nós son as vivencias de centos de veciños que sufriron un infarto sen contar cos medios necesarios na súa provincia para ser atendidos. É a realidade que se vive na nosa provincia e que o PP por algún motivo agocha. Os lucenses temos dereito a coñecer unha información que está a condicionar as nosas vidas”, engadiu o Secretario Provincial do PSOE.

Pola súa banda, Jesús Vázquez, Presidente da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo (a maior federación que existe en Galicia, pois conta con preto de 300 colectivos) destacou que “estamos hoxe aquí en representación dos 42.000 lucenses que asinaron a Iniciativa Lexislativa Popular para esixir a implantación de Hemodinámica 24 horas na nosa provincia, en representación dos máis de 17.000 lucenses que saíron ás rúas para reclamar esta prestación social, en definitiva, polos 300.000 veciños da provincia de Lugo. Por todos eles, polos que morreron ou se salvaron, reclamamos Hemodinámica 24 horas xa. Os datos do REGALIAM avalan as nosas peticións polo que imos a seguir loitando para que non haxa máis demora na implantación deste servizo na provincia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com