O PSOE reclama no Parlamento seguridade peonil na glorieta de Beltrán, en Xove

O Secretario xeral do PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, respaldou en Xove aos veciños que protestan pola falta de seguridade que sofren os peóns na glorieta de Beltrán. Santos Ramos amosou o seu apoio ás demandas dos veciños, que non dispoñen de pasos de peóns sinalizados para cruzar polas inmediacións da Vía de Alta Capacidade, nunha zona moi transitada polos veciños e anunciou que “os socialistas levaremos ao Parlamento galego as demandas veciñais para dar solución a un problema de seguridade que a Xunta coñece pero non resolve. A Xunta do PP desenténdese da seguridade dos veciños e, ademais, falta ao respecto dos cidadáns aos que se debe calquera administración xa que nin se molesta en responder ás demandas que lle fixeron chegar hai máis dun ano nun escrito asinado por 72 cidadáns”.

O Secretario xeral do PSOE, que mantivo un encontro cos veciños e veciñas de Beltrán, considerou “escandaloso o comportamento do PP, pois os veciños reivindican algo xusto, máis seguridade vial para os peóns nunha zona que é moi transitada, e a Xunta faise a xorda, non lles fai ningún caso e nin sequera responde ás súas reclamacións”. Santos Ramos anunciou que “os socialistas presentaremos unha Proposición non de Lei no Parlamento galego para dar solución a un problema de seguridade que a Xunta coñece pero non resolve”.

O PSOE insta á Xunta do PP a solucionar mediante pasos de peóns ou calquera outra solución técnica este problema na iniciativa que vai presentar no Parlamento galego. Os socialistas toman a iniciativa xa que o Goberno galego ignora a petición de seguridade para os peóns que cruzan a vía que dá acceso á Vía de Alta Capacidade e ao camiño da Meixoeira. A inseguridade da zona foi denunciada por 72 veciños nun escrito dirixido á Delegación da Xunta que non tivo ningún tipo de resposta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com