O PSOE recolle sinaturas no Courel para esixir á Xunta o abastecemento de menciñas

A voceira socialista de Folgoso do Courel, Carmen Álvarez, adiantou este venres que o PSOE pon en marcha unha recollida de sinaturas neste municipio para demandar á Xunta de Galicia solucións ao desabastecemento de menciñas que sofren os veciños dende hai 8 meses.

Carmen Álvarez apuntou que, “ante a desidia do PP dende os gobernos municipal e galego, pois nada fixeron para pór fin a esta situación que sufrimos dende o mes de outubro, o Partido Socialista, xunto aos veciños, esixirá á administración autonómica que poña en marcha todas e cantas medidas estean ao seu alcance para o abastecemento da única farmacia que temos no Concello, ou ben conceda unha licencia de apertura para unha nova farmacia”.

A voceira explicou que dende outubro os veciños de Folgoso do Courel teñen que desprazarse a máis de 30 quilómetros, a Concellos como Quiroga ou Pedrafita do Cebreiro, a buscar as súas menciñas porque non contan con elas na única farmacia que hai en Folgoso do Courel debido aos problemas económicos que sofre a mesma.

“En varias ocasións, o PSOE puxo en coñecemento da Alcaldesa esta grave situación e demandou solucións. Pero nin a popular Dolores Castro nin os seus compañeiros en Santiago, pois o Goberno de Feijóo da Xunta de Galicia tamén é coñecedor desta situación, fixeron nada ao respecto, e todo fai indicar que nada teñen previsto facer”.

“Por iso, o PSOE toma as rendas deste asunto que preocupa os nosos veciños e lles está a causar moitos problemas, pois, a maiores de non contar coas súas menciñas imprescindibles para o seu día a día, teñen que pagar custos de desprazamentos para mercalas noutros Concellos”, subliñou a voceira.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com