" />

O TSXG condena a cinco anos de prisión ao adestrador de fútbol sala que abusou dunha xogadora de 15 anos

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo que condenou a cinco anos de prisión e a outros cinco anos de liberdade vixiada ao adestrador dun equipo de fútbol sala de 60 anos por abusar sexualmente e de forma continuada dunha das xogadoras, de 15 anos. Ademais, o fallo impúxolle a prohibición de comunicarse e aproximarse á vítima durante seis anos, así como a inhabilitación para calquera profesión ou oficio que conleve contacto regular e directo con menores durante cinco anos.

O tribunal considera acreditado, do mesmo xeito que na resolución de primeira instancia, que o acusado iniciou un achegamento sexual cara á menor en xullo de 2015, “prevalecéndose da súa superioridade, ao ser adestrador e referente masculino da menor”. O condenado continuou cos abusos, que levaba a cabo no seu vehículo e en lugares de pouca luz e escaso tránsito, polo menos ata xaneiro de 2017. “A explicación da Audiencia resulta suficiente, pois non só se apoia na declaración substancial da vítima, que valora como convincente e crible, senón en elementos periféricos corroboradores”, destaca o TSXG.

O alto tribunal galego avala a aplicación do prevalemento porque destaca que o acusado tiña 60 anos cando iniciou a relación coa vítima, “aproveitando a súa condición de adestrador e mentor para gañarse a súa confianza, sendo coñecedor da situación de vulnerabilidade da menor, non xa polo dato obxectivo da idade, senón polas circunstancias familiares da vítima”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo