O TSXG resolve que Independentes por Monterroso gañou as eleccións municipais

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG rexeitou o recurso contencioso electoral interposto polo PSOE de Monterroso no que reclamaba que unha papeleta das eleccións municipais do pasado 26 de maio declarada nula fose validada ao seu favor. Polo tanto, o alto tribunal galego declarou a validez da elección e da proclamación de electos realizada. Ao manter a nulidade, o resultado das eleccións dá a vitoria por un voto á candidatura de Independentes por Monterroso, mentres que se se tivese validado o voto nulo sería de empate co PSOE.

O TSXG indica que “non resulta procedente o cómputo como válido do voto que foi declarado nulo” porque entre a documentación electoral “non figura nin sequera a papeleta á que se refire o recorrente, e só se podería considerar existente polo que manifestaron na declaración xurada como testemuñas os membros da mesa electoral, o que entrañaría substituír a relevancia da documentación do expediente pola proba testemuñal practicada”. Os maxistrados, ademais, salientan que o testemuño dos compoñentes da mesa “non coincide co que se desprende dos documentos que figuran no expediente electoral”.

Así, as testemuñas aseguran que fixeron constar na acta da mesa que se introduciu na urna un voto en sobre azul que contiña a papeleta da candidatura do PSdeG-PSOE. Con todo, os xuíces resaltan que “nada diso figura na acta da sesión da mesa correspondente”. Os membros da mesa tamén manifestan que o voto considerado nulo foi incorporado ao sobre remitido á Xunta Electoral de Zona, pero a papeleta “non figura entre a documentación que a xunta recibiu”.

Os maxistrados recalcan que, aínda que se dese “por bo e veraz todo o declarado polos membros da mesa electoral”, a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeneral é “tallante” á hora de impoñer a invalidez do voto introducido nun sobre diferente ao oficial. “Debe introducirse a papeleta das eleccións locais no sobre das propias eleccións municipais para depositalo na urna deses comicios, de modo que non é válido o voto se a papeleta se inclúe nun sobre oficial correspondente a outro proceso electoral, neste caso das europeas, aínda que se celebre o mesmo día”, subliña o TSXG.

Os maxistrados explican na sentenza que cada proceso electoral é autónomo e destacan que, se se dese validez á papeleta introducida nun sobre dun proceso electoral distinto, se estaría a “propiciar a conculcación da esixencia do segredo do voto porque chamaría a atención que na urna na que todos os sobres son dunha determinada cor existise un de cor distinta, resultando perfectamente identificable o votante a quen na mesa se lle permitiu tal anomalía”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo