" />

O vindeiro Pleno Municipal pode aprobar a prohibición ás touradas en Lugo

Miles de rúbricas xa avalan que Lugo sexa declarado o próximo municipio “libre de touradas” e contrario á realización desta actividade de malos tratos animais no seu termo local e no conxunto de Galicia, como expón a moción que a Asociación Animalista Libera e a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas trasladaron a grupos como Lugonovo.

Para animalistas e abolicionistas é necesario que cada vez máis localidades se manifésten contrarias a un espectáculo de crueldade cara aos animais que na comunidade autónoma non recibe interese por parte da cidadanía. Desde as pasadas Eleccións Locais varios municipios cortaron ” a billa” dos patrocinios e subvencións, como o caso da Coruña e Sarria, aos que se sumou Padrón aprobando unha iniciativa moi similar á que se quere levar adiante en Lugo.

Neste sentido dúas deputacións provinciais, A Coruña e Pontevedra, tamén sacaron adiante nos seus plenos provinciais o compromiso de non dedicar fondos públicos para comprar entradas, subvencionar corridas ou patrocinar publicidade de eventos tauromáquicos de calquera tipo, o que contribuirá a afogar economicamente a última feira taurina de Galicia, que se sitúa precisamente na cidade do Lérez. Con respecto ao caso lucense, os colectivos confían nun apoio maioritario á moción e sinalaron que só o PP mostrou a súa oposición ao texto mentres que goberno e oposición ven con bos ollos unha formulación que cuestiona o uso de diñeiro público para subsidiar os malos tratos dun ser vivo.

En caso de expor a moción no próximo pleno, Lugo converteríase, coa iniciativa aprobada, no 15º municipio galego en rexeitar as corridas de touros e pedir ao goberno autonómico que inicie os trámites para abolir estes espectáculos. Animalistas e abolicionistas lembran que só o 0,3% dos galegos manifestaron a súa asistencia a este tipo de eventos. Datos que se desprenden da última enquisa sobre hábitos e prácticas culturais que elabora o Ministerio de Cultura, pouco sospeitoso de ser unha institución “antitaurina”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo