O xornalista Manuel Silva publica o poemario ‘Viaxe ás raíces’

O xornalista galego Manuel Silva García vén de publicar  Viaxe ás raíces, un poemario no que se recollen uns cincuenta poemas referidos, na súa maior parte, á infancia que el viviu a finais dos anos corenta e comezos dos cincuenta nunha aldea rural do centro xeográfico de Galicia.

O libro, editado en Santiago de Compostela por Andavira, leva unha ilustración na portada feita polo pintor Ramón Irago, na que se ve a un paisano labrando a terra cun arado romano tirado por dúas vacas.

Segundo Manuel Silva, “os poemas tratan de reflectir a crúa e dura realidade dos amargos anos da posguerra española na que case todo estaba taxado e racionado polo Estado”.

A modo de exemplo, en tres poemas entoa outros tantos réquiems: un, polo arado romano; outro, polo carro tirado por vacas; e, un terceiro, pola cuartilla que, segundo di, “foi asasinada polo folio”.

No prólogo, Silva xustifica o título e mailo contido do libro nunha estrofa de tres versos, dicindo: “Dende a miña madurez/ o mesmo que o touro, lacerado, vai ás táboas / volvo eu, ferido, á nenez”.

O autor

Manuel Silva (Moldes-Melide, A Coruña, 1943) é xornalista, licenciado en Ciencias da Información e diplomado en Filosofía e Teoloxía. A maior parte da súa actividade xornalística levouna a cabo na Axencia EFE, da que foi delegado no País Vasco e Navarra, subdirector de Nacional e director dos Departamentos de Gráfica e Reportaxes.

É autor do ensaio  Área de descanso, do libro de relatos curtos In illo tempore, e dos poemarios Viajes a CatarsisHaikus con SilvasHaikus de acá e de acoláCarpe Diem Posta de sol.

En Lugo pasou17 anos entre 1955 e 1973 adicando o seu tempo aos estudos de Latín e Humanidades así como a Filosofía e Teoloxía no Seminario. Outros cinco anos pasounos en labores docentes e educativas no seminario e no antigo Instituto Masculino, hoxe IES Lucus Augusti.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo