Obradoiro de disfraces esta tarde na biblioteca Nodal

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa diversas actividades que se desenvolverán na Biblioteca Nodal de Lugo ao longo do mes de febreiro, entre as que destaca un obradoiro para festexar o Entroido, unha das épocas máis divertidas do ano.

O taller, que leva por título E si nos disfrazamos?, celébrase hoxe, venres, ás 6 da tarde na sala multiusos do centro e está dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. Os participantes poderán coñecer as orixes do carnaval e realizar as súas propias manualidades, utilizando diferentes tipos de materiais, texturas e cores para expresar a súa alegría durante o Entroido. Contará con aforo para 20 rapaces e rapazas e impárteo a asociación Cucarandainas. Entre a programación infantil e xuvenil, destaca tamén a narración de Charo Jaular Bicar mentres me contas!, orientada a nenos e nenas de 0 a 3 anos. Terá lugar o venres, día 12, ás seis da tarde na ludoteca da biblioteca e hai 20 prazas dispoñibles.

O venres, 19 de febreiro, tamén ás seis da tarde, ata 30 nenos de entre 4 e 12 anos poderán asistir a A regueifa está na mesa, narración coa que coñeceran máis acerca de este canto improvisado co que antigamente se celebraban as vodas, nas que os regueifeiros competían por unha rosca. Servando Barreiro faralles unha demostración coa que, de seguro, deleitará aos asistentes.

Outra das actividades deste mes é Ilustrando a Rosalía, un obradoiro para pequenos de entre 4 e 12, que se levará a cabo o venres, día 26, ás seis da tarde na sala multiusos. A Escola Lucense de Tempo Libre ensinará aos nenos a interpretar un poema de Rosalía de Castro, que comentarán e traducirán a imaxes a través dunha ilustración, para posteriormente elaborar un mural conxunto. Hai aforo para 20 participantes. O centro acolle tamén durante este mes nas súas instalacións a exposición fotográfica A Muralla de Lugo. Patrimonio da Humanidade, e as mostras bibliográficas Namórate… lendo, centrada nas historias de amor, exposta no vestíbulo; Ano novo, vida nova, na sala de préstamo; e mais Bonecos de neve e O Entroido, a disposición dos usuarios na sala infantil.

Polo que respecta ás visitas guiadas, organizaranse todos os martes e xoves ás catro da tarde co fin de que todos os cidadáns que o desexen poidan coñecer a Biblioteca e os seus recursos, previa inscrición no centro ou vía telefónica.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com