Oito anos de prisión para un home que tentou asasinar o seu cuñado cunha fouce

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a oito anos de cárcere a un home que en agosto de 2016 tentou asasinar o seu cuñado e veciño golpeándoo cunha fouce na cabeza. O tribunal considera acreditado que o sospeitoso iniciou unha discusión coa vítima cando arranxaba o seu pozo e propinoulle por detrás un golpe cunha mangueira, tras o cal ameazouna de morte. Instantes despois, cando o seu cuñado se atopaba no interior do portal da súa casa, o acusado atacouno cunha fouce.

Os maxistrados destacan na sentenza que actuou “con ánimo de acabar coa súa vida”, pois a agresión produciuse “por detrás” e a vítima non puido reaccionar. “Asestoulle un golpe na zona da caluga coa parte cortante da fouce provocando que caese ao chan, propinoulle unha patada e abandonou o lugar de maneira inmediata”, relata o tribunal.

Como consecuencia da agresión, o afectado ten como secuelas dor nas cervicais, limitación da mobilidade da columna e unha cicatriz na cabeza. A Audiencia tamén lle impuxo ao sospeitoso a prohibición de comunicarse e aproximarse ao seu cuñado durante 15 anos, así como o abono dunha indemnización de 29.170 euros. Á hora de ditar a pena, tivo en conta a atenuante de embriaguez, pois o imputado tiña levemente mermadas as súas facultades mentais como consecuencia da inxesta de bebidas alcohólicas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com