Oliver Laxe: “Gústame traballar ao límite, na fronteira coa vida”

A estrea do seu último traballo, O que arde, está a ser un éxito. As salas colapsaron e a súa presenza tan cercana non deixou a ninguén indiferente. Tranquilo, amable e pasional co seu traballo. Así é Oliver Laxe, o director lucense que se atreveu a xogar con lume para crear unha obra de arte que queima nas entrañas. Os Codex Cinema, que acolleron o mércores a visita do cineasta, esgotaron en cuestión de minutos as entradas para todas as súas sesións e é que Oliver Laxe conseguiu co seu filme, moi na liña do Novo Cinema Galego, achegarse ao gran público.

O filme continuarase a proxectar esta fin de semana nas dúas salas dos Codex. O venres o filme pasarase a cada hora dende as seis da tarde, e sábado e domingo dende as 17.30 horas. Durante as vindeiras semanas, os Codex manterán o filme na sua carteleira.

XornaldeLugo: Moitos medios, sobre todo os nacionais, que falan da película aseguran que mistura o pasado e o presente. Pode ser que sexa eso, precisamente, a maxia do rural galego?

Oliver Laxe: É unha mistura eterna. É unha película sobre actualidade, pero sobre todo, que evoca tamén eses valores eternos, ancestrais. É tamen futuro, porque o cineasta pode filmar moitas cousas, el decide en que mundo quere vivir e que é importante para el. E, para min, esta xente, Benedicta, Amador, son exemplos mestres, non? A min, gustaríame ser coma eles. Dalgunha maneira tamen miro ao futuro collendo o que aprendín.

XdL: Galicia ten ese aura que evoca ao pasado…

O.L.: Temos esa fortuna, de que aínda vivimos co pasado, presente. Noutros sitios non teñen esa sorte, está aniquilado todo ese mundo ancestral, e todos os valores. Aínda estamos a tempo de reorientar a decadencia.

XdL: Din que traballar con nenos e con animais é complicado polo imprevisibles que poden chegar a ser, pero traballar con lume tampouco debe ser sinxelo.

O.L.: Tamén traballei con animais, nesta. É imprevisible, pero eso é precisamente o bonito. Hai veces que hai cousas inesperadas que superan as túas ideas. Hai momentos de gracia, de sorpresa, de maxia… Gústame traballar no límite, na fronteira coa vida. Obviamente planificas as cousas, escribes un guion, pero está ben escoitar o que a vida te di. Hai momentos así na peli cos animais. Hai momentos xeniais da cuza de Amador nos que notas unha complicidade entre eles; as vacas, Benedicta hai momentos nos que improvisa e é máxica, supera as miñas ideas.

XdL: Precisamente, eso é algo que chama a atención deste filme: os protagonistas. Ese evitar actores profesionais e coller xente de raza.

O.L.: Non é evitar actores profesionais, simplemente gústame a autenticidade, a verdade.

XdL: Dende logo, Benedicta e Amador, foron os actores revelación deste ano…Seguían unhas directrices marcadas ou saiu deles ese aura especial para transmitir o guion?

O.L.: Hai un traballo compartido. Eu teño a xenialidade de saber atopar aos xenios, de saber traballar ben en equipo, de atopar onde hai algo cinematográfico bonito. E despois, unha vez que os escollín, traballamos xuntos. Fixemos unha lectura do guion, dixéronme o que  pensaban dos seus personaxes, fixemos ensaios, vimos o que funciona, o que non… Reescribín. E dinlles liberdade nos ensaios, eles improvisaron e aí, moitas veces, incorporo cousas máxicas ao guion. É o don de escoitar, de estar aberto, de ter o corazón aberto a que se conmovan.

XdL:  Como foi ese proceso de atopar aos protagonistas?

O.L.: Bueno, eu levo tempo indo alí; non vivín alí pero si que pasei veráns enteiros, xa filmei alí e xa conozo ben a xente. Levoo moito dentro, a miña mai é de alí. Estou todo o rato saboreando iso, xa o tiña moi dentro. Foi un proceso de mirar dentro.

XdL: A película deixa entre ver que o lume é parte da esencia de Galicia…

O.L.: Si, entre outras moitas lecturas esa pode ser unha. Pero bueno, O que arde tamén é a miña rabia na película porque ese mundo desapareza. Quixen, como cineasta, facer un retrato do mundo que sigue vivo, que resiste ante a decadencia do mundo; un mundo histérico, infantilista, pero eles siguen aí cos seus valores ancestrais, erre que erre, cunha dignidade incrible. E eso, a min, conmóveme… A xente que sigue vivindo no rural para min son heroes. A soidade é a que teñen nas cidades.

XdL: O que arde ten un final un tanto aberto, que deixa certa responsabilidade no espectador de buscar, ou non, un culpable. ¿Sería capaz Amador de facelo?

O.L.: Cada espectador ten que sentir o que el queira. Ás veces, levántome pola mañá e sinto que é inocente. Outras veces gústame vela doutra maneira. Gústame ver a película desde os ollos da xente, tamén. O ser humano é moi complexo; somos capaces do mellor, do peor… E da igual, gústanme todas as posibles lecturas. Hai xente, moito espectador que lle da exactamente igual. Pero si é un final cerrado, no sentido en que Amador está pasando unha proba e el decide asumir, aceptar, ser digno. Paréceme un final que evoca cousas. O espectador non está acostumado a ter tanto espazo nas películas, están incómodos; están acostumados aos bos, aos malos: os bos gañan e os malos morren, van ao cárcere… Eu quería que se empatizara con todos. Quería que entendéramos a todos: aos veciños, a Amador, á súa nai. Non hai bos, todos son vítimas, son pequenos…E hai un helicóptero aí que lles lembra que son pequenos.

Novas relacionadas

  1. Avatar
    Lucia Barcelos
    Out 19, 2019 - 11:08 PM

    Infantiles tes razon

    Reply
  2. Avatar
    Nieves Fernández Alonso
    Out 19, 2019 - 08:22 AM

    Orgullosa de seguir vivindo aquí

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo