Os 70 primeiros beneficiarios do ‘Ben Empregado!’ comezarán a traballar a vindeira semana

A Xunta de Goberno celebrada hoxe aprobou a lista dos primeiros 70 beneficiarios do Ben Empregado!, o 4º macroproxecto de fomento do emprego que a Deputación puxo en marcha nos últimos catro anos. Son os primeiros dun total de 300 lucenses desempregados que accederán a un posto de traballo en máis de 220 empresas e asociacións sen ánimo de lucro de toda a provincia.

Estes 70 beneficiarios asinarán a vindeira semana os contratos para comezar a traballar en diferentes empresas e entidades da provincia por un período dun ano. Serán contratos nos que se inclúen cláusulas sociais; estables e con vocación de continuidade, xa que para a selección final das entidades beneficiarias puntuouse máis alto canto máis grande era o compromiso de ditas empresas e colectivos para prolongar os contratos.

Igualmente, tamén a vindeira semana, e antes de incorporarse aos seus novos postos de traballo, todos eles recibirán unha xornada de formación gratuíta na Deputación.

En canto ás entidades nas que prestarán servizos estes traballadores, cuxos perfís responden ás necesidades reais destas, atópanse negocios de hostalería; explotacións agrícolas; axencias de viaxes; empresas do sector da madeira; librarías; empresas de servizos inmobiliarios; de artesanía; panaderías; consultorías medioambientais e de servizos de novas tecnoloxías; negocios de automoción ou de electrónica, entre outras.

A Deputación está a desenvolver a segunda fase deste plan que, cun orzamento que aumenta ata os 6 millóns, permitirá a participación de aínda máis entidades e, polo tanto, a contratación de máis desempregados, en concreto máis de 350.

Tamén en relación coa creación de emprego, a Xunta de Goberno acordou solicitar a ampliación da programación de cursos do Pacto polo Emprego II, cofinanciado ao 80% por fondos europeos, para aumentar o número de accións formativas deste plan de emprego grazas a máis de 320.000 euros procedentes de remanentes.

As accións formativas previstas son 11: 5 de coidador de discapacitados físicos e psíquicos; 4 de atención especializada para enfermos de Alzheimer e 2 de asesoramento na función xerencial. Cada unha destas accións ofrecerá 15 prazas, polo que se poderán beneficiar outros 165 lucenses desempregados.

Nesta liña, outro dos acordos adoptados hoxe foi a adxudicación de tres novas bolsas formativas para o Servizo de Novas Tecnoloxías, dirixidas a alumnos de Formación Profesional da provincia de Lugo. Este programa de bolsas, no que levan participado 37 persoas nos dous últimos anos, foi posto en marcha pola Deputación hai algo máis de dous anos, á vista do elevado número de alumnos procedentes de ciclos que solicitaban facer prácticas neste departamento do organismo provincial.

Outros dos acordos adoptados pola Xunta de Goberno celebrada hoxe foi a ampliación do prazo de execución das actividades e obras subvencionables co Plan de Impulso do rural e o sector primario, dotado con 2,2 millóns de euros. Este novo prazo rematará o vindeiro 30 de xuño e non o 30 de abril como estaba previsto inicialmente.

Martínez destacou que o obxectivo desta prórroga é non prexudicar a ningún dos máis de 800 veciños e colectivos que as solicitaron atendendo, por unha banda, ao elevado número de peticións recibidas e, por outra, á natureza das obras subvencionadas (recuperación de terras; peche de viñedos; dotación e mellora de traídas de auga; arranxo de camiños, etc.), moitas das cales non se puideron acometer a causa da climatoloxía invernal.

Fóra dos asuntos da Xunta de Goberno, o voceiro provincial socialista trasladou en nome do equipo de Goberno “o total apoio ás reivindicacións dos veciños e veciñas do lucense Barrio da Residencia”, que piden a dotación inmediata de servizos nas instalacións do antigo hospital Xeral, tal e como prometeu Feijóo o 25 de febreiro de 2011.

Martínez lembrou que o pasado mes de marzo o Pleno provincial aprobaba, coa abstención do PP, unha moción esixindo a posta en uso destes edificios, que hoxe “seguen baleiros, abandonados como toda a provincia de Lugo”. Esta falta de actividade está a provocar o deterioro do inmoble e afectando á actividade económica da zona e, por extensión, á de todo Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com