" />

Os agricultores e gandeiros galegos poden solicitar ata o 30 de xullo os préstamos -a interese cero- que habilitou a Xunta

Os agricultores e gandeiros galegos poden solicitar ata o vindeiro 30 de xullo os préstamos -a interese cero- que habilitou a Xunta para adiantar o pago da PAC. Deste xeito, uns 11.000 produtores da provincia, poderán ingresar inmediatamente unhas achegas que adoitan cobrarse no outono

Para facilitar este adianto a Xunta subscribiu un convenio con varias entidades bancarias: en concreto os interesados poden solicitar estes préstamos sen xuros nas oficinas de Abanca, Caixa Rural Galega, Sabadell, Santander e CaixaBank. Poderán beneficiarse desta subvención tanto os produtores que pidan os empréstitos agora, como os que xa o fixesen con anterioridade, de xeito que o Goberno galego lles aboará tamén ese 1% do importe.

A duración máxima dos préstamos será de 12 meses. As entidades financeiras participarán nesta liña de empréstitos cun máximo de ata o 90% do importe correspondente da PAC. Unha vez solicitado o préstamo ata o 30 de xullo, o prazo máximo para a formalización da operación será de 15 días e o empréstito será amortizado no momento do cobro da subvención, o que suporá a súa cancelación inmediata.

En caso de perda do dereito ao cobro, ou reintegro total ou parcial da axuda da PAC, o beneficiario deberá cancelar o préstamo aboando á entidade financeira a totalidade do seu importe. Neste caso, a comisión de apertura do préstamo non será financiada pola Consellería do Medio Rural, senón polo propio beneficiario.

Este convenio entre a Xunta e distintas entidades financeiras forma parte das medidas contempladas no Plan de liquidez da Consellería do Medio Rural para anticipar o pago de preto de 300 millóns de euros correspondentes a diferentes liñas de axudas, co obxectivo de inxectar liquidez aos agricultores, gandeiros e silvicultores afectados pola emerxencia sanitaria.

Enlace á orde de achegas:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200612/AnuncioG0426-100620-0002_gl.html

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo