" />

Os bombeiros de Chantada teñen que intervir para liberar a unha muller nun accidente en O Saviñao

Os Bombeiros de Chantada excarceraron á condutora, que quedou atrapada no interior do vehículo ao envorcar despois de saírse da vía, cando circulaba pola denominada curva dos Cipreses, na LU-533, no punto quilométrico 7, no Saviñao.

Foi unha persoa particular quen, dez minutos antes das 16:00 horas desta tarde, chamou ao 112 Galicia para informar do accidente. Indicaba que se acababa de producir unha colisión entre un camión e un coche e que o ocupante do turismo presentaba dificultades para saír.

Con estes datos, desde o 112 Galicia ademais de pasar aviso aos profesionais sanitarios e aos Bombeiros informouse da situación á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Unha vez no punto, os efectivos de Protección Civil explicaron ao 112 Galicia que se tratou dunha saída de vía dun turismo que finalizou envorcado e que un camión que circulaba neses instantes polo lugar, detivérase no punto para auxiliar.

Asemade e ao fío das 9:30 horas un camión saíuse da vía cando circulaba pola A-6, en sentido Coruña, ao paso pola localidade de Guitiriz.

Como consecuencia do impacto, o condutor quedou atrapado no interior da cabina e sufriu diversos traumatismos, polo que foi evacuado en helicóptero medicalizado ao centro hospitalario de referencia.

O 112 Galicia rexistrou este accidente ás 9:30 horas de hoxe, tras recibir numerosas chamadas doutros condutores, alarmados pola situación na que se atopaba o vehículo: envorcado e sobre a mediana. Con esta información, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia activaron os protocolos correspondentes para a posta en marcha dun operativo que incluía o rescate do condutor, atrapado dentro da cabina.

Así, acudiron os Bombeiros de Vilalba, ademais dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e do persoal de mantemento e limpeza do Ministerio de Fomento.

Cómpre indicar que o camión transportaba papel e, segundo algún dos condutores que chamaron para alertar, a carga viuse parcialmente afectada.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo