Os inimigos seguen estando aí

 Os timoratos do meu tempo vivimos as mocidades temendo, como os galos de Asterix, que o ceo se derrubase sobre as nosas cabezas. Primeiro, o medo a Rusia, inimigo de occidente contra o que España era a última reserva. Logo, anos sesenta, medo ao que podía pasar cando morrese Franco, o noso sentinela.

Na transición, longo tempo temendo atentados de Eta, pero moito máis que se rebelase o Exército para volver ao seu lugar cousas que moitos estimaban descolocadas. Pero daquela os posibles inimigos eran concretos, viámolos vir, aínda que en momentos coma o 23 F nos collesen por sorpresa a case todos

E chegou o século que todos agardabamos de paz, progreso social e económico, pero os inimigos de sempre coa cara cambiada provocaron alteracións mundiais derrubando torres, arruinándonos materialmente e amedrentándonos moralmente para máis depender das súas forzas. E atacáronnos con bonos lixo, terroristas suicidas e virus fillos de mala nai, antes de que se inventaran os escudos cos que nos defender, quedándonos só o recurso a repregarnos a territorio coñecido, pechando os ollos ao exterior, agardando que non nos pase nada.

E en canto de adormentarnos nesta longa durmevela, na TV pública Clan, emiten un episodio de Henry Danger, que me fai lembrar ata a quinta xeración da familia do programador porque, en clave de humor, escenifcan unha enfermidade contaxiosa, unha vacina, illamento, síntomas graves, perfecto para amedrentar aos nenos confinados nas súas casas.

Os inimigos, sibilinos ou groseiros, seguen existindo. Cando espertemos, coma o dinosauro de Monterroso, seguirán estando aí.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com