Os populares lembranlle a Campos que “é un Goberno en minoría”

A voceira do Grupo Provincial Popular, Elena Candia, explicou esta mañá o traballo realizado polos populares en relación á situación que se está a dar na Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa) e que constitúe “un intento de asedio por parte do Goberno da Deputación Provincial de Lugo”.

Os populares aseguraron que “non imos permitir que, aínda que outros se vaian de vacacións, se esquezan ou non se impliquen nas solucións dos problemas das institucións por intentar asediar ao presidente de Suplusa co que neste momento non se entenden”. O presidente da Deputación “non pode nin quebrar nin disolver Suplusa porque está en minoría. Precisa maioría absoluta para aprobar ese acordo”, puntualizou a voceira do PP”.

Ante a situación de Suplusa, Candia afondou no agravante que supón esta “irresponsabilidade  por parte do equipo de Goberno cos traballadores e empresas que teñen asinados contratos, incluso nalgúns casos co propio presidente, Darío Campos, para a construción de residencia tendo xa obras rematadas, certificacións feitas e facturas pendentes de pagar”.

A popular considera que “intentan afogar á institución provincial” empregando nas súas accións “ás familias dos 29 traballadores da sociedade pública que permaneceron 10 días sen cobrar a nómina do mes de xullo e outras empresas que están traballando para a institución”.

Candia destacou que “o Grupo Provincial do Partido Popular, cando tivo coñecemento de que a interventora da Deputación, que foi dende sempre a mesma que a de Suplusa, presentara a renuncia a seguir exercendo as súas funcións nesta sociedade, “dirixímonos á Deputación para que nomeara unha persoa que a substituíra”. A través dunha moción de urxencia o Grupo Popular levaba a Pleno a petición de “dar solución urxente ao pagamento das nóminas dos traballadores de Suplusa coa que “15 deputados –os do propio Grupo Popular, nacionalistas e deputado non adscrito- lle dixeron claramente ao presidente da Deputación que se implicara na resolución do conflito substituíndo á persoa que deixaba de facer as tarefas de intervención”.

Ante a convocatoria dunha sesión do Consello de Administración por parte do presidente de Suplusa, o Grupo Popular “nun exercicio de responsabilidade, asiste á reunión “para buscar unha solución como foi o nomeamento accidental dunha persoa que reunira a perfil e as condicións profesionais para exercer as funcións de intervención de maneira provisional. Coa aceptación do encargo por parte desa persoa, xa se pagaron as nóminas na mañá de onte”, segundo indicou Elena Candia.

Por conseguinte, a popular recoméndalle ao equipo de Goberno que “aparte os seus problemas internos e que goberne” porque “a menos dun ano para as eleccións municipais quedan moitos dos seus compromisos por executar”. De feito, a popular subliñou que “só se está facendo ben o Plan Único grazas a todos, porque non foi unha iniciativa do Goberno”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com