O RedMay prestou nun mes 348 servizos gratuitos de podoloxía, optometría e asesoramento

A unidade móbil do programa RedMay da Xunta de Galicia atendeu durante o mes de outubro a 348 persoas que recibiron servizos gratuítos de podoloxía, optometría e asesoramento nos concellos de Cervantes, As Nogais, Portomarín, e Abadín.

Con esta iniciativa, apoiada pola Unión Europea, a Consellería de Política Social facilita que as persoas maiores de 55 anos que viven en zonas rurais poidan beneficiarse destas prestacións sen ter que desprazarse fóra das súas localidades.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou hoxe a unidade móbil no Valadouro, onde mañá remata o proxecto piloto, e subliñou que a Consellería traballa na continuidade e extensión desta iniciativa que se desenvolveu nunha vintena de concellos galegos.

A unidade móbil permaneceu unha semana en cada un dos municipios visitados, á disposición dos veciños e veciñas de luns a venres en horario de mañá e tarde. Na provincia de Lugo, o 53,2% das persoas atendidas solicitaron os servizos de podoloxía, o 40,8% os de óptica, e o 6% restante realizaron consultas sobre múltiples cuestións da vida cotiá, como as relacionadas coas facturas de servizos domésticos ou a eliminación de barreiras arquitectónicas nos fogares.

En concreto, nas Nogais foron atendidas 89 persoas, 51 na especialidade de podoloxía e 38 en optometría. En Cervantes 84, delas 44 en podoloxía, 34 en óptica e 6 en consultas diversas. En Portomarín 97: 56 en podoloxía, 35 en óptica e 6 en consultas. E en Abadín 78, das cales 34 solicitaron servizos de podoloxía, 35 de óptica e 9 outro tipo de asesoramento. No Valadouro espéranse cifras similares dado que a afluencia de persoas foi constante durante toda a semana.

A Xunta desenvolve o proxecto RedMay en colaboración coa Universidade de Vigo e a Cámara Municipal de Braga, que xestiona a iniciativa na rexión Norte de Portugal.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Carlos Fernandez Peleteiro
    Nov 07, 2019 - 11:14 PM

    E que prestacións. Son…….

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com