Os sindicatos piden “altura de miras” para sacar adiante a RPT na Deputación

Os sindicatos da Deputación Provincial de Lugo con representación na Xunta de Persoal, no Comité de Empresa e na Mesa Xeral de Negociación, solicitaban esta mañá aos deputados provinciais, mediante un comunicado aos medios, “altura de miras” para resolver a situación que se está a dar no ente provincial e “que as melloras do persoal da Deputación non se utilicen como moeda de cambio noutras cuestións políticas que nada teñen que ver con este asunto”.

Segundo denuncian os sindicatos, o acordo levado polo equipo de Darío Campos ao Pleno ordinario do pasado mes que viña a modificar de maneira parcial a Relación de Postos de Traballo (RPT), no que se incluía a mellora da
Carreira Horizontal e a creación dunha Comisión Técnica de Resolución das reclamacións da Produtividade, non foi ratificado polo Pleno por mor do cambio do sentido de voto do Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego e o deputado do Partido Socialista, Manuel Martínez.

Este cambio de postura, que para os representantes sindicais é “incoherente e pouco meditada”, non tivo que ver co
acordo “e si con cuestións políticas que se visualizaron con toda claridade posteriormente”. Estes votos impediron a aprobación definitiva e creou unha situación de incerteza no canto da resolución deste asunto “pola complexidade que se nos presenta á hora de resolvelo”.

Os sindicatos lembran que este acordo afecta a a todo o persoal da Deputación pero, de xeito directo a 304 traballadores e, para chegar a un consenso entre todos, as catro centrais sindicais con representación tiveron que facer “concesións nas nosas propostas iniciais e crear un clima de entendemento e confianza mutua que nos permitiu ir achegando posturas”.

As catro centrais sindicais, UXT, CC.OO., CSIF e CIG, recoñecen que este acordo non sería posible “sen a vontade e o interese do Presidente da Deputación, Darío Campos, e o seu deputado de persoal para sacalo adiante, e así o fomos constatando nas múltiples reunións que mantivemos ao efecto”.

“Chegados a este punto,as representantes sindicais manifestamos a nosa mais firme vontade de sacar adiante este acordo e estamos traballando en fórmulas que permitan facelo efectivo. Os traballadores e traballadoras desta institución non podemos ser reféns das liortas políticas”, conclúen os representantes sindicais no comunicado.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo