Os técnicos municipais cualifican de “crítica” a situación económica do servizo de abastecemento de auga

Os técnicos municipais cualificaron esta mañá de “crítica” a situación económica do servizo de abastecemento de auga no Concello de Lugo que provoca un déficit para as arcas municipais de case 4 millóns de euros ao ano. Na Comisión celebrada esta mañá para abordar as ordenanzas fiscais do vindeiro ano, os técnicos responsables confirmaron os datos aportados pola agrupación municipal Ciudadanos, segundo os cales o recadado cos recibos só cubre o 36% do custo real do servizo. A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, reprochou ao Goberno que “malia a gravidade da situación, o Goberno municipal siga sen tomar medidas”.

O subministro de auga potable a domicilio é un servizo absolutamente deficitario para o Concello de Lugo, que gasta 6,1 millóns de euros anuais en prestar este servizo básico, afirma Ciudadanos, tanto aos domicilios como ás distintas empresas radicadas no municipio mentras que só ingresa 3,9 millóns en concepto de recadación por recibos.

Outro tanto pasa co servizo de saneamento e depuración de augas residuais, que ten un custo de 3,6 millóns de euros ao ano mentras que os ingresos só supoñen 2,1 millóns. Do total dos gastos de ambos os dous servizos (9,7 millóns de euros ao ano), unha parte moi importante (3,5 millóns) correspóndese co pago a Gestagua polo mantemento das plantas depuradora e potabilizadora.

Ciudadanos explica que “a lexislación comunitaria establece especificamente que o servizo de augas debe ser sostible económicamente e que é necesario trasladar ao recibo o custo da execución de novas infraestruturas, polo que o Concello de Lugo está a incumprir a normativa europea“. “Corremos o risco de que Bruxelas nos reclame os fondos europeos que aportou para construír a nova estación depuradora e a nova potabilizadora”, alerta Olga Louzao.

Catro anos sen cambio nas taxas

Olga Louzao lémbralle á alcaldesa, Lara Méndez, que o abastecemento de auga potable aos domicilios é un dos servizos básicos que por lei está obrigado a prestar un Concello, polo que considera “indefendible” que se atope na situación de “desidia e abandono no que se atopa”. Outro tanto acontece co servizo de recollida de lixo, outro dos servizos básicos que está obrigado a prestar o Concello e que tamén é un dos máis custosos para as arcas municipais.

En concreto, explica Olga Louzao, a recollida e tratamento de residuos custa ao Concello 10 millóns de euros ao ano, que se pagan a Urbaser pola recollida e a Sogama polo tratamento do lixo, mentres que o ingresado polos recibos cubre só dous terzos dese custo.

Malia esta situación, o Concello leva catro anos sen actualizar as tarifas unha decisión que Ciudadanos considera “irresponsable porque o déficit segue incrementándose e corrixilo faise cada vez máis difícil”, afirma Olga Louzao. Ciudadanos considera que “é mellor unha actualización paulatina e moderada que unha suba moi notable de golpe” e pon sobre a mesa o feito de que “máis do 60% do custo do servizo está a ser costeado neste momento vía orzamento municipal”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo