Palabra de Rei

En foto de hai 48 anos podemos ver ao bispo de Lugo, Ona de Echave, asperxendo a Juan Carlos e Sofía, Reis, na porta norte da Catedral de Lugo, ante a mirada atenta de José Ferro. Eran tempos nos que “palabra de Rei” significaba firmeza nos tratos das feiras, e o último recurso para obter rebaixa era apelar a “non terás palabra de rei…”. Agora, a saber que significa, vindo de escoitar a palabra do Emérito coa da señora Rey, en oprobiosa conversación desacougante.

Oir – se é falsificación, está moi ben feita – ao en tempos venerado persoeiro e á artista entrecruzarse “meu amor” ou “miña vida”, non é para cincelar en pedra por quedar no evanescente terreo das relacións personais aínda que trascendan máis aló, pero abochorna o que dos diálogos se entende. Que quen antes era Maxestade ousase comentar coa interlocutora temas institucionais é preocupante, porque hai asuntos que teñen un determinado ámbito de expansión, e se se comparten cunha relación extraña e desaxustada coma esta rebasa a imprudencia e colócase no ridículo.

Que na cama se producen confidencias, a ninguén que ande polo mundo pode extrañarlle. O, que repugna neste asunto é ter que fixarnos en Zorrilla (o escritor), que pon na boca do Tenorio o seu complexo itinerario amoroso dos pazos ás cabanas, para deixar nel “memoria amarga”. Que caros nos resultan a todos, e non só en diñeiro, os desafogos amorosos do noso outrora respectado conductor, que no 1976 encantou aos lucenses co seu estar e ser.

Sorte que os fillos non teñen por que herdar todos os bens e atributos de seus pais. E quizais aínda poidamos seguir confiando na “Palabra de Rei”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com