" />

Patricia Otero: “O PP minte máis que fala”

“O PP provincial de Lugo lanzouse a unha romaría de roldas de prensa por toda a provincia, tentando descualificar uns Orzamentos que son os mellores para a provincia desde o ano 2010”. Deste xeito tan contundente respondía a secretaria provincial do PSdeG-PSOE, Patricia Otero á presidenta provincial do PP que onte desvirtuaba o proxecto orzamentario presentado polo Goberno Estatal, e no que a popular decía botar en falta certos investimentos, por exemplo, en estradas.

Otero aseguraba que os presupostos presentados polo Executivo de Pedro Sánchez son “dos mellores para a provincia” e acusou ao PP de “mentir máis que falar”. A socialista asegurou que os populares intentan descualificar este documento “para poñerse a venda antes da ferida, xa que a mala previsión dos vindeiros orzamentos da Xunta lévalles a mentir ou ocultar a verdade”.

Un novo cruce de acusacións entre os dous partidos maioritarios na provincia e entre as que a socialista replicou unha por unha as acusacións de Elena Candia. “No que se refire á mellora do tren, o PP volve mentir porque saben moi ben que RENFE xa adquiriu os novos equipamentos para toda España, que virán substituír os vellos; o resto do que se necesita para mellorar o tren é adecuar horarios e mellorar estacións para o que non se require partidas dos Orzamentos”, aclarou.

No tocante á Autovía da Mariña, unha das reclamacións feitas polos populares, Otero volve a botar balóns fóra: “as afirmacións do PP nas que sinala que deixou  encamiñada as Autovías da Mariña sen un só metro nin planeado, nin licitado, nin construído, debe ser unha broma porque, de non selo, é tomarlle o pelo aos veciños da Mariña Lucense”.

Con todo, Patricia Otero convidaba onte a Candia e ao deputado popular Jaime de Olano “a poñerse a traballar polos lucenses e polos cidadáns da Mariña, esixindo que a Xunta nos seus vindeiros orzamentos comece a pagar as incontables débedas que ten coa provincia e coa comarca” e lembrou, entre outras, “a chegada do AVE a Lugo- compromiso en firme de Núñez Feijóo que leva 11 anos conxelado” ou  “os déficits acumulados na atención sanitaria primaria, que empeza a ser penosa”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo