" />

Polbo, cine e política

Estes días en Lugo falamos de polbo, agora que se achega o San Froilán, e de cine, que para iso estamos a celebrar a anual Semana de Cine. Tamén de política, claro, que o 25 imos votar como queremos que sexa o noso futuro… político.

Falamos de polbo porque aínda que en Lugo e provincia hai numerosos e destacados establecementos dedicados a vender polbo, especialmente polbo á feira, cando se achegan as festas a tradición esixe que se vaia degustar nas casetas instaladas á beira do parque, hoxe auténticos restaurantes, nada que ver coas casetas de hai corenta anos, que a hostalería sanfroilaneira mellorou a ollos vistas e a tradición robusteceuse.

O do cine tamén rexistra unha progresión importante desde que a Semana comezou en 1979 e os nenos que daquela vían cine infantil van hoxe cos seus fillos a ver cine de nenos, e a terceira semana de setembro de cada ano hai en Lugo unha invasión cinematográfica que desborda por toda a cidade.

O da política  non evoluíu, non progresou como debera, e parece un “dejá vue”, sen que o presente e os futuros previsibles anuncien resultados sorprendentes; moito menos revolucionarios.

O do polbo aínda pode ter amaño se o aparentemente mal resultado do concurso convocado para adxudicar casetas e caldeiros para estes catro anos, chega a bo fin e resulta ser algo máis ca un negocio planteado con pretensións de bloquear ou controlar o exercicio dos industriais lucenses que levan décadas atendendo ao público no San Froilán.

O do cine, fábrica de soños, ten resultado previsible, que –desde Calderón- toda a vida é un soño e os soños, soños son. E o da política, case ven sendo un sono. E ben sabemos distinguir os galegos entre “sono” que é durmir e “soño” que é soñar con posibilidades ilimitadas, como en tempos se soñou… Se se amaña o do polbo, dos caldeiros e das casetas, e as historias do cine colman as nosas ilusións, só falta que agora ou en calquera momento os políticos esquezan o sono e nos permitan soñar cun mundo diferente no que lles imos permitir seguir sendo  protagonistas, sempre que nos deixen participar en facer realidade algún dos nosos soños, polo de agora imposibles.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo