O PP denuncia “falta total de contidos” no centro municipal de novas tecnoloxías

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Mari Teijeiro, denunciou que o centro municipal de novas tecnoloxías “carece de contidos e de uso”, unha dinámica na que o meteron os socialistas de Lugo “por unha falta total de previsión e organización” polo que están a converter esta dotación, que debería estar á vangarda tecnolóxica, segundo afirma a edil, “no segundo MIHL de Lugo”.

A concelleira popular asegura que este xeito de actuar do goberno local o único que acada é “aumentar o número de dependencias municipais baleiras”. Mari Teijeiro asegura que a pesar do amplo horario do que goza este centro (de 10:00 a 13:00 e 16:00 a 21:00 horas) a realidade amosa que “permanece baleiro a calquer hora” e ironizou con que é “o lugar ideal para atopar a tranquilidade”. A falta de contidos neste centro “é alarmante” reducíndose soamente a contar con actividade durante tres meses ao ano.

A popular afirma que “dende a súa apertura o centro só tivo actividade no mes de xuño e do 21 de outubro ao 22 de decembro de 2017”. A concelleira popular denuncia que incluso “actividades que son de interese, relacionadas coas novas tecnoloxías e que favorecerían que o centro fose coñecido pola cidadanía se levan a outras dependencias que tamén precisan de contidos propios”. Mari Teijeiro alude á charla sobre o uso das novas tecnoloxías sen riscos nos adolescentes, un evento que en toques de celebrarse no centro de novas tecnoloxías levouse onte pola tarde ao Vello Cárcere. A única explicación que atopa a concelleira popular a esta decisión é que “chegamos a un punto no que hai moitas dependencias municipais abertas ao público pero hai unha carencia total de planificación de actividades que teñan encaixe en cada unha delas”.

Cómpre recordar que o centro de novas tecnoloxías se inaugurou en marzo de 2017 e, cando se abríu á cidadanía, os socialistas aseguraron que querían converter este punto no centro neurálxico da tecnoloxía en Lugo, “que un ano despois non está a respostar ás expectativas xeradas” e puxo como exemplo a falta do servizo de préstamo de libros.

A concelleira popular lamenta “a falta de previsión” do equipo de goberno nunha infraestutura que custou case 1M€ (330.500 de orzamento, 495.000 de expropiacións e indemnizacións, 95.000 para demolicións e traballos arqueolóxico e 65.250 para equipos informáticos) e que “o único uso que ten son as roldas de prensa que o equipo de goberno da nesa
instalación”.

Unha situación que se repite noutros centros da cidade, como as aulas Cemit do Castiñeiro, nas que, pese á demanda da cidadanía para realizar cursos de informática, “so temos constancia de que houbo actividade durante o mes de xullo”. “É unha mágoa que unha cidade como Lugo teña dotacións como as citadas e que o equipo de goberno careza de ideas e iniciativa para aproveitalas e así dar resposta ás demandas da cidadanía”, afirma a popular.

Por iso, Mari Teijeiro anunciou que realizará varias preguntas ao goberno local, entre as que se atopa se teñen xa unha previsión anual de actividades para os centros de novas tecnoloxías, canto custa manter este tipo de instalacións, cal foi o uso que se lle deu á sala de videoconferencias do centro de novas tecnoloxías e cando estará listo o servizo de préstamo da biblioteca especializada en novas tecnoloxías.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com