O PP denuncia que non se arranxa unha fuga de auga nas Gándaras

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ángel Trabada, denuncia a situación que se vive no barrio das Gándaras, no cruce entre a Calzada das Gándaras e a rúa do Pombo, onde non se arranxa unha fuga de auga na rede de abastecemento por falta de “medios técnicos e de persoal municipais”. Trabada explica que os veciños deste barrio levan “entre 3 e 4 meses” agardando a que o Concello dea unha solución a este problema que xa creou un bache de grandes dimensións na calzada. Ademais, o popular informou que “á altura da porta de San Pedro hai outra fuga de auga desde hai 2 meses á que, polo momento, o goberno local non deu solución”.

O concelleiro popular explica que desde o Concello non poden facer fronte a este problema xa que “o persoal do servizo de augas é tan escaso que xa non poden cubrir as gardas”. A isto hai que engadir a grave falta de medios técnicos que padece persoal deste servizo, xa que “cos medios que teñen neste momento non poden facer fronte ao  arranxo de fugas”.

“As deficiencias neste servizo aumentaron co paso dos anos de goberno socialista”. Unha situación que se ve reflectida na merma do número de efectivos e tamén de medios técnicos. “Na brigada de augas tiñan maquinaria para arranxar fugas, pero agora non teñen case nada. Levan meses agardando a que arranxen unha máquina que, semella, finalmente non se arranxará, polo que teñen que agardar a que outros servizos lles cedan os seus medios para atender as súas tarefas”, afirmou Trabada.

Ademais, Ángel Trabada pide ao goberno local “sensibilidade” para arranxar calquer tipo de fuga de auga no menor tempo posible, tendo en conta “a difícil situación de seca” pola que atravesamos, polo que “non é de recibo” que neste punto se perderan miles de litros de auga nos últimos meses.

A demora do goberno local no arranxo deste bache e outras dificiencias que hai na cidade pode repercutir negativamente nas arcas municipais, xa que se poden producir desperfectos en vehículos polo mal estado da estrada. Unha situación que xa se denunciou en numerosas ocasións por parte do Grupo Municipal do Partido Popular, e que no que vai de ano xa supuxo un custe para as arcas municipais de máis de 35.000€.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com