O PP di que Lara Méndez pon a Lugo á cola das catro capitais galegas en transparencia

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, amosouse “moi preocupado” ante un novo informe en materia de transparencia que, de novo, “pon en dúbida” a xestión de Lara Méndez e o seu equipo neste eido, xa que o Concello de Lugo acada uns resultados moi negativos para unha institución pública que, segundo os socialistas, presume de ser aberta a cidadanía e totalmente transparente.

Antonio Ameijide explicou que o informe que vén de publicar Dyntra, unha plataforma colaborativa que traballa na medición e xestión do goberno aberto nas organizacións e para a Sociedade Civil, o Concello de Lugo só obtén unha puntuación do 51,92%, uns resultados “decepcionantes” e moi alonxados do que tería que “non ten nada que agochar”. O popular explica que este informe valora 156 indicadores pero que, no caso de Lugo, só puido testar 81, xa que dos 75 valores restantes non puido obter dato algún por mor “da falta alarmante de transparencia” que caracteriza a xestión socialista. Para o popular, que Lugo se sitúe no posto 30 de 52 (as 50 capitais de provincia españolas e as dúas cidades autónomas) “é preocupante”, pero aínda o é máis o feito de que Lugo sexa a capital de provincia de Galicia que obtén unha peor puntuación (A Coruña 62,82%, Pontevedra 62,18% e Ourense 53,85%). Uns datos que reflicten que Lara Méndez suspende de novo en materia de transparencia e xestión municipal.

Segundo este estudo, hai datos fundamentais que non se publican por parte do equipo de goberno, como son a axenda da alcaldesa e dos concelleiros e tampouco os gastos de viaxe orixinados por eles. Tampouco se publican as resolucións xudiciais que afectan ao Concello de Lugo, unha circunstancia que para Ameijide débese a que “todas son en contra da xestión socialista” o que vén derivado de que o equipo de goberno emprega a páxina web do Concello de Lugo para a promoción e publicidade do PSOE xa que neste informe tamén se denuncia que na web municipal non se publica nada referente aos grupos da oposición.

Pero un dos indicadores máis alarmantes é o referente a contratación, un eido no que o Concello de Lugo “acada un cero” en varios dos indicadores. Segundo o voceiro popular os socialistas non publican, pese a ter que facelo, as listas de empresas que concorren á licitación de obra pública nin o nome das empresas que realizaron as obras de urbanización máis importantes no termo municipal.

Neste informe tamén se denuncia a ausencia dun plan estratéxico de igualdade de xénero, a limitación para que os lucenses envíen suxestións ou a ausencia dunha oficina online de atención á cidadanía. Un dos aspectos que máis chama a atención a Antonio Ameijide é que neste informe se certifica a ausencia dunha ferramenta para rendición de contas, “para coñecer o grao de cumplimento dos compromisos electorais e de goberno durante o mandato”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com