O PP reclama un inventario actualizado de camiños rurais

O Grupo Municipal Popular solicita ao goberno local a creación dun inventario actualizado dos camiños rurais do
municipio de Lugo así como a elaboración dunha ordenanza municipal para protección e conservación destas vías en relación coas operacións de saca de madeira. O concelleiro do PP, Manuel López, afirma que o inventariado destes
camiños, que comunican pequenos núcleos ou fincas e que serven para fins agrogandeiros e forestais ou que ofrecen un interese turístico ou histórico, é unha das prioridades do rural.

Este documento proporcionaría unha seguridade xurídica ao concello e aos veciños “primeiro, porque clarificaría a titulariedade dos camiños, identificando os que son públicos e os que son privados ou servidumes de paso e, segundo, porque evitaría a súa desaparición”.

Neste momento, a rede de camiños de Lugo presenta un estado de abandono importante xa que “os socialistas levan anos sen desbrozarlos polo que nalgúns casos e só grazas á memoria dos maiores conseguimos situalos no mapa”. O concelleiro popular Manuel López asegura que “a maiores dos tramos das pistas da rede viaria das parroquias lucenses que desapareceron ocultas pola maleza, hai outros casos nos que estas vías non poden percorrerse por obstáculos ou usurpacións de fincas colindantes” de aí a importancia de ter as pistas inventariadas.

Os populares conscientes de que se trata dun traballo “complexo e laborioso” suxiren que se faga en varias anualidades apuntando que, neste momento, o Concello dispón dun catálogo moi básico que serviría de guía inicial. Este inventario de pistas municipais obrigaría ao goberno local a facer un mantemento periodico dos camiños da súa titulariedade recriminando aos socialistas “o abandono destas vías, provocando que moitas delas estén intransitables xa que o Concello deixa, de forma sistemática cada ano, sen limpar o 25% dos 1.100 quilómetros” indicou López. O concelleiro popular explicou que o goberno local so dá cobertura anual a 700 quilómetros “co que é normal a imaxe de abandono que presentan”.

Con respecto á redacción dunha ordenanza municipal para a protección da rede de pistas do rural Manuel López explicou que “coa vista posta no futuro, e tendo en conta o incremento da actividade forestal sería convinte que o Concello de Lugo contase cunha normativa en relación coa saca de madeira”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com