" />
Ribeira Sacra Cañóns

Presentada na Unesco a candidatura da Ribeira Sacra a Reserva da Biosfera

A candidatura coa que a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel aspiran a converterse na sétima reserva da biosfera de Galicia xa está presentada oficialmente. Hoxe mesmo o documento técnico elaborado pola Xunta foi remitido á Secretaría do Comité Español do Programa MAB (Home e Biosfera) da Unesco, que será o encargado agora de continuar coa súa tramitación.

A Xunta cumpre así co calendario previsto, ao remitir a candidatura antes de final de ano ante o órgano consultivo responsable de avaliar todas as propostas españolas que aspiran a ser declaradas reservas da biosfera. Hai dúas semanas o documento técnico da Ribeira Sacra superou o último trámite administrativo que lle quedaba na comunidade ao someterse á consideración do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. E
unha vez remitido pola Consellería de Medio Ambiente a Madrid, será agora o Comité Español do Programa MAB o encargado de continuar coa tramitación interna da candidatura.

Así, a memoria técnica elaborada pola Xunta deberá superar a continuación o informe do Consello Científico, órgano asesor do Comité e que fai unha labor de seguimento, avaliación e apoio técnico ás reservas da biosfera, ademais de ser o encargado de recomendar ou non a aprobación das novas propostas. Unha vez superado este trámite, a candidatura da Ribeira Sacra deberá someterse á deliberación dos membros do Comité Español do Programa MAB, órgano de carácter consultivo.

Este sería o último paso antes de que o expediente pase a mans da Unesco para a decisión definitiva. Precisamente, no recente Cumio Mundial do Clima celebrado en Madrid a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, tivo ocasión de informar a Miguel M. Clusener- Godt -secretario do Programa MAB da Unesco, que deberá pronunciarse en última instancia sobre a declaración- dos últimos avances na candidatura da Ribeira Sacra, ao tempo que o convidou a visitar Galicia e coñecer a zona persoalmente.

O espazo conformado pola Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel aglutina a un total de 23 concellos -18 da provincia de Lugo e outros cinco de Ourense- cun alto valor paisaxístico e cultural en común, unidos pola súa aposta por un desenvolvemento sustentable baseado nas prácticas tradicionais. Trátase dun territorio, a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense, de excepcional valor e riqueza polos seus compoñentes ambientais, paisaxísticos e culturais, como demostra a súa recente declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). De feito, a zona proposta como futura reserva da biosfera abrangue espazos Rede Natura 2000 tan importantes como o ZEC Os Ancares-O Courel, o ZEC Río Cabe, ZEC Monte Faro, o ZEC Pena Veidosa, ou o ZEC Canon do Sil, o Enil Río Loio-Ruxidoira e o Monumento Natural Campodoia-Leixazós.

Unha candidatura que gaña apoios

Neste senso, e logo de que numerosas institucións e asociacións de todo tipo amosaran xa o seu apoio a esta candidatura, o órgano reitor da Reserva da Biosfera Terras do Miño e a dos Ancares Lucenses acordaron nestes últimos dous días apoiar tamén esta candidatura da Ribera Sacra e das Serras do Oribio e do Courel a esta distinción da UNESCO.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo